Os Premios Mil Primaveras entréganse en Santa Clara reivindicando que "salten as alarmas" co galego
Por Redacción
É necesario que "salten as alarmas" ante os estudos que revelan que o galego está a quedar fóra da revolución da intelixencia artificial e dos datos masivos.
É unha reivindicación trasladada pola deputada provincial de Lingua, María Ortega, na entrega este sábado na igrexa de Santa Clara da terceira edición dos Premios Mil Primaveras organizados pola Coordinadora de persoas Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL). E é que aínda que algunhas plataformas ofrecen versións para o seu soporte en galego, outras moitas como Tik-Tok, Twitch ou os asistentes virtuais (Alexa, Siri, Google Assistant ou Cortana) non o fan evidenciando unha "falta extrema de apoio ao noso idioma".
Tamén o concelleiro pontevedrés Demetrio Gómez, que participou no acto xunto á presidenta da CTNL Anxos Sobriño, defendeu o necesario de romper coas estruturas de poder que impiden que o galego creza e ocupe o lugar "que lle corresponde".
No que respecta a os galardóns, os Premios Mil Primaveras recoñeceron á campaña CantáMOLA en galego, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra como novo proxecto. Ademais entregáronse outros premios a Do berce á rúa, do SNL do Concello de Narón; ás iniciativas Twitter en galego e Instagram en galego; ao proxecto Somos xogo, de Xandobela; ao proxecto Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo; e á iniciativa Media Laranxa, como proxecto dun ámbito sectorial.
Con este evento a CTNL pretende recoñecer o traballo en favor da normalización lingüística, ademais de favorecer unha imaxe positiva da lingua e promover a súa transmisión.