Investigan dous veciños de Murcia que suplantaban a identidade dunha empresa de Sanxenxo para ciberestafas
Por Redacción
Dous veciños de Murcia están a ser investigados pola Garda Civil e o Xulgado de Cambados como presuntos responsables de varios delitos de estafa nos que suplantaban a identidade dunha empresa de Sanxenxo.
Trátase de dous homes de 27 e 45 anos, ambos con amplos antecedentes policiais, que supostamente realizaban estas estafas a través dunha liña de mensaxería móbil.
Axentes da Garda Civil de Sanxenxo empezaron unha investigación para mediados do pasado ano por mor da denuncia presentada polo representante dunha empresa marisqueira do municipio. Este empresario relatou que os seus clientes sufriran ciberestafas suplantando a identidade da empresa.
A Garda Civil logrou pescudar que os presuntos ciberestafadores conseguirían hackear as liñas telefónicas da empresa para entrar no seu perfil de WhatsApp e así acceder aos contactos dos seus clientes.
A través desta liña de mensaxería móbil dirixíronse a varios contactos nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo para pedirlles, en nome da empresa, o ingreso urxente de 500 euros en efectivo para liquidar unha emerxencia laboral.
A investigación continúa aberta para pescudar se existen máis persoas ou entidades comerciais afectadas, pero ata o momento xa se estableceu que lograron estafar ao redor de 3.500 euros.
O Equipo '@' da Garda Civil de Murcia colaborou na investigación e logrou pescudar que o diñeiro estafado que ingresaban as vítimas derivábase á conta corrente dunha cidadá de nacionalidade romanesa que xa está identificada, aínda que que se atopa en paradoiro descoñecido. Sobre esta cidadá sobre a que recaen varias reclamacións xudiciais por ilícitos similares labores ao longo de toda a xeografía nacional.
Os feitos investigados foron postos en coñecemento do Xulgado de garda de Cambados, onde deberán comparecer os presuntos autores cando sexan requiridos.