Aberta a inscrición para participar no programa formativo para bandas pontevedresas
Por Redacción
O Local de Música, pertencente ao Departamento de Xuventude do Concello de Pontevedra, promove "Os Bolos do Local" para apoiar á escena musical emerxente da cidade e poñer en valor a creación musical de base organizando unha serie de accións formativas e eventos musicais en rúas e prazas da cidade que levan por nome: "O Serán de Tralla" e o "Son da Serea".
Estas dúas experiencias de mentorización que ofrece o servizo municipal cristalizarán en actuacións ao vivo.
Desde o ano 2013, foron 77 grupos e máis de 300 persoas participaron e tocaron nalgún dos proxectos de verán promovidos desde o Local de Música que continúa a ser epicentro de boa parte da escena musical máis moza e amateur da cidade.
Situado ao carón das vías do tren, o edificio mantense como unha proposta activa e fresca de ocio, que tece fíos con outras redes culturais da cidade. Nesta ocasión, desde o Local chega o aviso da apertura das inscricións para participar no programa formativo e de acompañamento de verán para preparar concertos ao vivo.
O Serán de Tralla é unha formación e asesoramento para 8 bandas que están comezando e que aínda non tocaron moitas veces en directo. "Poñemos a andar o teu proxecto e terás que demostralo en directo no concerto final do Serán de Tralla, que será o xoves 14 de xullo no Local de música", explican desde o Local. As bandas disporán de 2 sesións individuais co equipo do Local entre o 28 de xuño e o 13 de xullo para traballar todo o preciso de cara a un funcionamento óptimo da agrupación.
O Son da Serea é unha mentorización e formación para 8 bandas máis avanzadas. "Potenciamos proxecto e axudámoste na profesionalización da banda, e terás que demostralo no concerto final do Son da Serea, o martes 26 de xullo na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra", indican os responsables do Local. Terá que asistir obrigatoriamente alguén do grupo ás formacións presenciais do luns 4 e martes 5 de xullo no Local de música, de 18 a 21 horas.
A maiores tamén se celebrará unha sesión individual de 2 horas entre o 6 e o 22 de xullo para traballar o son e ecualización para o directo.
As 8 bandas que participan do Son da Serea terán ademais unha beca de 250 euros para mercar materiais que melloren o proxecto artístico.
As inscricións estarán abertas até o 17 de Xuño, ás 23.59 horas na páxina web localdemusica.gal.
Relacionadas:
-
O Son da Serea e O Serán da Tralla, os plans do Local de Música para este verán
Por Redacción |
-
A Banda Senlleira de Robacallos publica o seu primeiro álbum: 'Somos o que Somos'
Por Redacción |
-
As Ruínas de San Domingos estrearán unha ópera electrónica en galego e con perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
Tres días -con San Xoán incluído- para un Surfing the Lérez "exclusivamente galego"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Local de Música inicia un novo ciclo cunha aposta pola música electrónica e a dixitalización
Por Manu Otero |