CIG denuncia que o SERGAS non quere potenciar o Hospital do Salnés a pesar da ampliación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
CIG Saúde emitiu un comunicado criticando a presentación do proxecto da ampliación do Hospital do Salnés por parte da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o 19 de novembro.
Segundo o sindicato nacionalista, a ampliación é moi limitada e só afecta á zona de urxencias, bloque cirúrxico e obstetricia. Por este motivo, a CIG entende que o Sergas non está interesado en potenciar o Hospital do Salnés. Dende a central afirman que están eliminado persoal facultativo, urólogos, neurólogos, farmacéuticos, persoal de enfermaría, de xestión e servizos. Denuncian que teñen pechadas varias camas no terceiro piso e que desmantelaron a autonomía de Xestión propia, convertendo na práctica o Hospital nun ambulatorio, segundo afirman dende o sindicato.
Indican, ademais, que unha posible privatización de Alta Tecnoloxía permitiría a descapitalización do Hospital e obrigaría os pacientes a ter que desprazarse a Pontevedra. O sindicato teme que, coa ampliación das Urxencias do Hospital do Salnés, pechen os Puntos de Atención Continuada (PACs) de Vilagarcía de Arousa e de Cambados.
Por este motivo, a CIG entende que a presentación da ampliación só serviu para contentar aos alcaldes do Salnés pero sen solucionar as demandas históricas dos veciños.