![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534c5a944ae8c-fondo.jpg)
© Concello de Pontevedra
Pontevedra aporta 3.000 euros para a reconstrución de Filipinas a través do Fondo Galego de Cooperación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Pontevedra, a través da concellaría de Benestar Social, fará unha achega extraordinaria de 3.000 euros á conta que o Fondo Galego de Cooperación vén de abrir para colaborar co pobo filipino, que sufriu hai uns días o paso do supertifón Haiyan, tamén coñecido como 'Yolanda'. Filipinas asegura que a cifra de mortos supera xa as 4.000 persoas e as axencias humanitarias da ONU cifran en 13 millóns o número de afectados.
Segundo o goberno municipal, Filipinas "está a sufrir as consecuencias do empobrecemento polo reparto inxusto da riqueza e a expoliación de recursos propios, e ao que se suma un fenómeno meteorolóxico extremo potenciado e aumentado polo cambio climático". Con estes cartos, Pontevedra busca colaborar coas tarefas de reconstrución do país.
Estos 3.000 euros súmanse á aportación anual que o Concello de Pontevedra fai ao Fondo Galego de Cooperación. Son 15.000 euros para colaborar na posta en marcha de varios proxectos no exterior no eido da cooperación.
O Fondo Galego, constituído por 90 concellos e as Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense, "é un gran exemplo da eficacia da colaboración entre os municipios", destaca o concello de Pontevedra, "e contribúe a imaxe exterior de Galicia como pobo solidario e comprometido con outros territorios".