A demora media en primeiras consultas na área sanitaria aumentou en cinco días respecto a 2020
Por Redacción
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ofrece os datos de tempo de espera nos diferentes servicios sanitarios recollidos durante o ano 2021.
Segundo expoñen, as cifras en intervencións cirúrxicas ofrecen unha mellora significativa grazas ao apoio no plan de recuperación da actividade asistencial.
A finais de 2021 o tempo medio de espera foi de 62 días, mentres que a finais de 2020 a cifra elevábase a 73,7 días de media. A redución establécese en 11,7 días menos.
Por hospitais, o tempo medio de espera para ser operado no Hospital Montecelo ou no Provincial foi de 67,2; e no Hospital Público do Salnés rebáixase a 35,3 días. A espera media cirúrxica para patoloxías de Prioridade 1 atópase en 11,5 días.
Desde a dirección sanitaria indícase que os datos non resultaron mellores debido á necesidade de asignar quirófanos para pacientes con covid-19; a ocupación de camas de ámbito cirúrxico por parte de pacientes críticos da enfermidade pandémica e non covid, en áreas como reanimación, recuperación, postanestésica e cirurxía maior ambulatoria; e a dificultade de cumprir o plan de autoconcertación polas ausencias de profesionais tanto médicos como de enfermería.
En todo caso, a xerencia subliña o "encomiable e exemplar esforzo da persoal da área cirúrxica; de anestesioloxía e reanimación; e de admisión realizado" ao facer fronte ao contexto epidemiolóxico.
Por servizos, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a área de Dermatoloxía presentou unha media de 28,3 días; Oftalmoloxía, 33,8 días; Anxioloxía e Cirurxía Vascular, 38,3; e Xinecoloxía con 40 días, son os departamentos cun número de días de espera menor. Pola contra, Traumatoloxía, con 97,7 días é o que máis tarda en intervir.
No Hospital do Salnés, Uroloxía con 17,8 días é o servizo con menor demora media e Oftalmoloxía, con 43,2 días, é o de maior tardanza.
DEMORA EN PRIMEIRAS CONSULTAS
Rexistrouse un incremento da demora media global en primeiras consultas na área sanitaria. O aumento é de cinco días a finais de 2021 respecto ao ano anterior, pasando de 35,2 a 44,6 días.
Os datos máis destacables nos hospitais públicos de Pontevedra prodúcense en Dermatoloxía, con 64,4 días e Xinecoloxía, con 52,5 días de media. Fronte a estes servizos de maior demora figuran Endocrinoloxía e Cardioloxía, con 9,4 e 9,9 días respectivamente, mentres Obstetricia ofrece 8,6 días de atraso e Oncoloxía Médica, con tan só 3,7 días.
No Salnés, as primeiras consultas suman un maior número de xornadas de espera nos servizos de Traumatoloxía (67,1), Dermatoloxía (62,4) e Uroloxía (53,4). Os de menos son Obstetricia (2 días) e Anestesiología e Reanimación (2,3).
A explicación deste incremento de tempo en primeiras consultas, segundo o Sergas, encóntrase no "enorme incremento" de consultas en 2021 coa recuperación da actividade fronte ao 2020, ano en que durante varios meses viviuse a situación de confinamento. A dirección tamén xustifica estes datos en que diversas ondas da pandemia obrigaron a manter medidas preventivas entre as que se atopaba a limitación de aforos para evitar aglomeracións.
PROBAS DIAGNÓSTICAS
A demora media en probas diagnósticas mostra que en Radiooxía alcánzanse os 74,1 días mentres que en Endoscopias redúcese a 23,6 días, durante 2021.
En Montecelo e no Provincial espérase 32,7 días de media para realizar un TAC; 18,7 xornadas de media para efectuar unha resonancia magnética e 19,9 para unha endoscopia dixestiva.
No Salnés espéranse 48 días de media para un TAC; 36,7 para unha Resonancia Magnética e 29,6 días para unha endoscopia dixestiva.
Segundo o equipo xerente que lidera José Ramón Gómez, a principal causa que impide uns mellores resultados nesta parcela atópase en que no Servizo de Radiodiagnóstico do Salnés durante todo o ano pasado só traballaron tres facultativos dos seis previstos, "sen posibilidade algunha de cobertura destas ausencias", alegan.