O concello licita por 309.426 euros a construción do novo skatepark do Cavadelo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía vén de iniciar o proceso de licitación da obra de Remodelación do Parque Urbano do Cavadelo mediante o anuncio de apertura do prazo de presentación de ofertas pendurado na plataforma pública de contratación.
O proxecto foi presentado no mes de xaneiro e se licita por 309.426 euros. As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 8 de xuño para presentar as súas propostas. Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a adxudicataria disporá do prazo de 5 meses para executar a actuación.
O proxecto da reforma do parque urbano do Cavadelo foi redactado polos arquitectos Javier Segura e Andrea Gesteiro, ámbolos dous con experiencia no deseño deste tipo de infraestruturas dedicadas aos deportes urbanos, xa que un deles incluso os practica. Ademais, para elaborar a proposta vilagarciá consultaron previamente cos usuarios do propio parque, a efectos de coñecer as súas necesidades e opinións e recollelas no proxecto.
Disciplinas como o skate, o parkour, o break dance e o BMX poderán practicarse nunhas instalacións perfectamente equipadas e seguras nun parque no que se manterán as canchas de baloncesto e gañarán peso as zonas verdes e os espazos de recreo para que a cidadanía poida gozar delas á vez que achegarse a coñecer estes deportes.
Para evitar o que acontecía ata o de agora, que a cidadanía esquivaba o Cadavelo para acceder ás zonas de paseo do Centenario ou ao peirao de pasaxeiros, realizáronse estudos de circulación para favorecer que os peóns entren no novo parque, tanto para estar nel, como para acceder a eses outros espazos de esparexemento. Debido aos corredores de tránsito que se abrirán polo parque para acadar este obxectivo, as canchas de baloncesto desprazaranse un pouco respecto ao emprazamento actual.
O Concello financiará esta obra con fondos propios xa habilitados para esta obra en concreto máis coa subvención concedida con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación.