A Universidade e o Concello seguen traballando xuntos para que "o campus faga cidade"
Por Redacción
A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra asinaron a renovación do convenio que subscribiron o ano pasado para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e tecnoloxías. Na súa anterior edición posibilitou a realización de preto de 50 propostas.
O vicerreitor en funcións do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, asinaron o convenio. Durante o acto, o representante da Universidade quixo agradecer a confianza da representante municipal e destacar "a gran relación que hai entre o Concello e o campus".
Pola súa parte, a concelleira puxo en valor o traballo de Soto á hora de "conseguir que o campus faga cidade", e subliñou que "non cabía outra cousa que repetir este convenio e reiterar unhas actividades que tiveron moi boa acollida".
Con este novo convenio, a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades buscan impulsar unha programación aberta a toda a cidadanía e integrada por actuacións musicais, ciclos de cine e de narración oral ou aulas de música tradicional e teatro.
Neste abano de propostas intégranse tres espectáculos musicais que terán lugar a vindeira semana en diferentes puntos da cidade; o concerto 24 instrumentos populares galegos, un espectáculo que combinará a música coa fotografía de José Suárez e que terá como escenario as ruínas de Santo Domingo e unha actuación de Teo Cardalda na Casa das Campás.
A directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, explica que se trata dunha programación que busca dar continuidade a todas aquelas iniciativas que ían no convenio previo e que tiveron unha aceptación positiva.
Relacionadas:
-
Únense nun concerto a Orquestra Xove de Pontevedra e as aulas de música e baile tradicional do campus
Por Redacción |
-
Amizades de todo tipo centran o contido do ciclo proxeccións dos venres na Casa das Campás
Por Redacción |
-
A Universidade abre para toda a cidadanía o prazo de inscrición a cinco cursos de verán
Por Redacción |
-
A Mostra de Teatro Universitario volve a Pontevedra tras máis dunha década
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Aula de Teatro do campus une persoas de diferentes idades na preparación dunha obra
Por Redacción |
-
Abrir o campus a toda a cidadanía, obxectivo conxunto do Concello e da Universidade
Por Mónica Patxot & María José Pita |