Identificados tres individuos como autores dos roubos en igrexas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Dous veciños de Sanxenxo e outro de Poio son os presuntos autores de tres roubos cometidos en igrexas do termo municipal de Sanxenxo, segundo apunta a Garda Civil.
O pasado mes de marzo o cura párroco comunicaba un roubo na Igrexa de San Xoán de Dorrón, na que os autores, tras forzar a porta de entrada á mesma, apoderábanse de 150 euros en efectivo, e un misal que sería localizado posteriormente nunha leira próxima.
E no mes de abril, tiveron lugar dous roubos máis, o primeiro na Igrexa de Bordóns, e o segundo na Igrexa de San Xoán de Dorrón, onde os autores tras producir importantes danos nas portas de entrada a ambos os templos, apoderáronse de 50 euros, varios copóns, un cáliz de prata, un crucifixo, así como outros obxectos de culto.
Segundo informan fontes oficiais do Instituto Armado, as investigacións levadas a cabo polos axentes da Garda Civil de Sanxenxo permitiron identificar aos presuntos autores de 41, 32 e 26 anos de idade, todos eles con antecedentes por delitos contra o patrimonio, ademais de recuperar os efectos subtraídos que foron devoltos ao seu lugar de orixe.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Garda de Cambados, onde deberán comparecer os investigados, cando sexan requiridos pola autoridade xudicial.