O programa 'Conciliando' volve a Sanxenxo este verán
Por Redacción
As ANPAS e o Concello de Sanxenxo poñerán en marcha o programa 'Conciliando', co que garantirán que as familias do municipio poidan compaxinar a vida familiar e laboral durante os meses de verán.
Tras varias reunións mantidas entre a concelleira de Educación, Paz Lago, e as asociacións dos centros educativos Magaláns, O Cruceiro, Noalla- Telleiro, A Florida e Portonovo, decidiron levar a cabo este servizo seguindo como referencia a experiencia doutros anos.
A franxa horaria mínima definida para a conciliación é de 8:00 a 14:30 horas, excepto en Portonovo que se transforma en 8:30 a 15:00 horas. O custo desta franxa horaria é de 130 euros para o usuario socio da ANPA que o realice. En caso de non ser socio, harbá un incremento de 10, 15 ou 20 euros, dependendo da ANPA que o organiza e da opción que elixa.
Tamén prevén a posibilidade de incrementar unha hora e media máis, entre as 16 e as 17 horas, cun custo adicional de 40 ó 50 euros sobre o prezo mensual. Unha opción que as ANPAS están dispostas a poñer en marcha no caso de que haxa unha demanda mínima. Tamén barallan a opción de descontos por segundo fillo.
Pola súa banda, ademais dos meses de xullo e agosto, o programa Conciliando do ANPA San Xinés (Florida) e a do Espiñeiro (Portonovo) ofrecen este servizo entre o 23 e 30 de xuño e o 1 e 7 de setembro por un prezo de 40 ó 75 euros; se se elixen ambos os períodos ou de 50 e 85 euros se non é socio.
Para información concreta, cada ANPA publicará un cartel onde figuran: Lugar, horarios, prezos e un contacto directo.
A concelleira de Educación, Paz Lago, destacou que "a implicación das ANPAS e o seu traballo conxunto deu como resultado a oferta en case todas as parroquias. Facilitamos ás familias varias opcións para que poidan elixir e que mellor se adapte á súa situación persoal".
É por iso que o Concello asumirá o 20% do custo total dos dous meses (xullo e agosto conxuntamente ) no horario fixado de conciliación a todos os usuarios que estean matriculados nun CEIP do Concello de Sanxenxo ou estean empadroados no municipio, que se descontará no recibo de cada usuario. Ademais, colaborará coa limpeza de cada un dos espazos destinados ao programa nos centros educativos