Sete maios regresan á Seca cun concurso animado e moi disputado
Por Redacción
Non foi doado para o xurado do Concurso dos Maios de Poio resolver quen debía ser o gañador. Sete foron as agrupacións que participaron no certame, que retomou por vez primeira o seu carácter presencial desde antes do inicio da pandemia.
Na explanada da Seca presentaron os seus maios Fontenla, Laretas, Pequemaio, Maio Maiolo, Vilariño, Marepodium e Pimpín, que encheron de bo ambiente o recinto coa enorme calidade das composicións das coplas, actuacións e deseños realizados por todos eles.
O Concello de Poio repartiu máis de 5.000 euros en premios. Ademais das contías obtidas polos tres primeiros clasificados en cada categoría, tamén se entregaron 200 euros e dúas roscas a cada un dos maios que tomaron parte no concurso.
Os integrantes da comisión municipal de Cultura foron os encargados de puntuar aos participantes en cada unha das categorías. Os premiados foron:
MELLOR CONXUNTO
1. Marepodium
2. Vilariño
3. Maio Maiolo
MELLOR COPLA
1. Fontenla
2. Laretas
3. Pimpín
MELLOR ACTUACIÓN
1. Fontenla
2. Laretas
3. Marepodium
MELLOR MAIO
1. Vilariño
2. Marepodium
3. Maio Maiolo / Pequemaio
MELLOR COROA
1. Vilariño
2. Maio Maiolo / Marepodium
3. Fontenla
MELLOR BARCO GALEGO TRADICIONAL
1. Vilariño
2. Fontenla / Laretas
3. Marepodium
Xa pola tarde, a Praza da Chousa acolleu a Mostra de Maios, organizada polo Concello e polo Ateneo Corredoira.
A Asociación Vides Novas e a Escola de Música Tradicional de Poio foron os colectivos encargados de amenizar as dúas citas con sendas actuacións musicais.