Detido por atentado á autoridade e ameazas un home que abordou cunha navalla aoutro en Campolongo
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Axentes da Policía Nacional de Pontevedra detiveron na tarde deste luns a un home que minutos antes abordara e ameazara cun coitelo a outro home que acababa de saír do complexo deportivo de Campolongo e acabou enfrontándose tamén a un policía de paisano que acudiu na súa axuda.
Todo ocorreu sobre as oito da tarde deste luns no barrio de Campolongo e o home acabou detido e trasladado á Comisaría Provincial polos delitos de atentado a axente da autoridade e ameazas.
Segundo confirmaron fontes policiais, o logo detido empezou a insultar e ameazar ao outro home á súa saída do centro deportivo e seguiuno cara á praza de Galicia. A pesar de que a súa vítima pediulle que o deixase en paz, fixo caso omiso e seguiu coa súa actitude.
Nese momento, pasou pola zona outro home, un axente da Policía Nacional de Pontevedra que se atopaba fóra de servizo e vestido de paisano. Entre este policía e o primeiro home abordado tentaron darlle o alto, pero el resistiuse e revirouse. Finalmente, acabaron reducíndoo.
Aínda que nun primeiro momento as ameazas eran verbais, nun momento dado, o asaltante sacou unha navalla ou coitelo dunha mochila e utilizouna para proferir ameazas. Ademais, acompañounas de insultos.
Finalmente, acabou detido por esas ameazas e tamén por resistirse á detención por parte do axente policial.