Conclúen as obras para facer da contorna do Pazo da Crega un espazo para uso e goce da veciñanza
Por Redacción
O Concello de Barro concluíu as obras para mellorar a contorna do pazo municipal e integrar este conxunto patrimonial e os seus case 25.000 metros cadrados de espazo verde que o rodean na trama urbana.
As actuacións que se levaron a cabo tiñan como obxectivo mellorar toda a estética dos espazos anexos ao pazo, recuperar e protexer os elementos patrimoniais e crear un entorno de convivencia veciñal.
A reconstrución do hórreo que fora desmantelado hai anos, a recuperación e traslado do lagar ao seu lugar orixinal, a mellora da accesibilidade, o derrubamento de pendellos e valados que desvirtuaban este enclave patrimonial ou os traballos de adecentamento das zonas axardinadas foron os obxectivos deste primeiro proxecto, que contou cun orzamento de 56.000 euros financiado con fondos propios e executado pola empresa Construcións Vale S.L.
O Goberno municipal xa ten en marcha dous proxectos, que comezarán nas vindeiras semanas, para seguir actuando tanto no pazo como nos elementos do seu entorno. Por unha banda un proxecto para rematar a renovación da carpintería exterior do pazo e, por outra, un proxecto para cambiar a cuberta da capela que se encontra dentro desta parcela e que é de titularidade municipal.
Alén destas actuacións que xa estarán executadas en pouco tempo, o concello está traballando nun proxecto para a instalación de elementos de xogo como tirolesas, redes para trepar ou mesas de xogos, que fagan que este lugar sexa aínda máis un punto de convivencia veciñal e de goce para todas as idades.