Os propietarios do antigo sanatorio de Santa María valoran a súa reconversión a hotel boutique
Por Oskar Viéitez
Os propietarios do antigo sanatorio de Santa María queren volver darlle vida a este singular palacete de 1945 e están a considerar varias opcións.
Este edificio, situado en pleno centro de Pontevedra, albergou ata o pasado mes de xuño o centro socio sanitario Hestia Alliance, dedicado a atender a enfermos crónicos. O histórico inmoble tivo que pechar tras 72 anos ao cambiar a lei e ter que rexerse pola normativa hospitalaria.
Agora os seus propietarios sopesan varias opcións para recuperar o seu uso, desde a adaptación para convertelo nun xeriátrico, un edificio de oficinas, ou nun hotel boutique tendo en conta a súa privilexiada localización.
Tras un pre-encaixe arquitectónico calcúlase que sairían 42 habitacións de tamaño medio e optimizándoo podería converterse nun hotel de 4 estrelas superior.
Está á venda por un prezo de 2,6 millóns de euros, segundo confirma a inmobiliaria.
O concepto de 'hotel boutique' define a aqueles hoteis con ambientes íntimos e pouco convencionais, xeralmente cunha denotación de luxo. Adoitan ser establecementos de poucas habitacións que, a diferenza das grandes cadeas hostaleiras, ofrecen servizos e atención personalizados, así como gran privacidade.
Polo xeral ambiéntanse nun estilo ou temática específicos que lles confire unha personalidade e identidade propias, algo que reforza o feito de estar situados en antigas edificacións, xa sexan castelos, mansións, ou como neste caso de Pontevedra nunha conxunto histórico.
Cun total de 1.900 metros cadrados construídos, o edificio consta de dúas plantas semisoto e tres plantas sobre rasante.
A inmobiliaria Rhombus Global Consulting encárgase da xestión desta propiedade.
En novembro do ano 2018 un avogado especializado en asuntos urbanísticos consultou ao Concello sobre os posibles usos hoteleiros deste edificio.
Os servizos urbanísticos confirmaron que un hotel sería compatible coa cualificación desta parcela e co plan de protección do centro histórico. O anteproxecto, iso si, tería que presentar unha actuación para a totalidade do edificio.
Relacionadas:
-
O peche de Santa María deixa só 72 horas para buscar novo fogar ao seu paciente máis antigo
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Santa María vai quedando baleiro de pacientes antes do seu peche definitivo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pecha o Sanatorio Santa María tras 72 anos de actividade en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O sanatorio de Santa María, futuro hotel?
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada