O PP pide a Lores que se comprometa a renunciar de xeito definitivo ao carril único na Barca
Por Redacción
O PP quere que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernándz Lores, se comprometa a abrir a ponte da Barca e, en caso de que se manteña o corte ata que finalicen as obras de Acuaes en Poio, "polo menos tranquilice a veciños e comerciantes, comprometéndose a descartar para o futuro o proxecto de carril único na ponte".
O Partido Popular levará o luns 18 de novembro ao Pleno da Corporación unha moción para pedir a apertura inmediata do tráfico de saída na ponte da Barca. A petición xa a fixo en outubro e inicialmente pensaba repetila, pero este venres deu a coñecer unha novidade ao respecto. Pide un compromiso do alcalde como proposta alternativa ante a posibilidade de que BNG e PsdeG-PSOE volvan rexeitar o seu texto como xa fixeron na anterior sesión plenaria.
O voceiro do PP, Jacobo Moreira, ve "constatado o fracaso" do corte dun carril da Barca, unha medida da que recorda que a decidiu unilateralmente o "tándem Lores-Mosquera" a pesar de que "tentaron xustificala escondéndose tras a Policía Local".
Insiste ademais en que as obras de Acuaes en Poio que desencadenaron o corte "non impiden en absoluto a circulación viaria na ponte", senón que "só un irresponsable orgullo político frea o necesario recoñecemento do erro por parte do alcalde e a conseguinte rectificación".
O Partido Popular entende que "a solución ao conflito ten que estar por enriba dos intereses de partido e de soberbias persoais", e defende que, "de non abrirse a ponte de xeito inmediato, como mínimo hai que frear os temores e a incerteza que están a padecer os cidadáns máis directamente afectados".