Un home de 54 anos falece en Vilaboa ao caerlle unha árbore enriba
Por Anxo Lourido
Ao redor das 11.00 horas deste sábado 16 rexistrábase un desgraciado accidente no lugar da Graña, en Postemirón, no municipio de Vilaboa. Unha árbore desprendíase caendo sobre un home de 54 anos que realizaba traballos de talla con outra persoa nunha leira privada.
O 112 Galicia recibía a alerta da situación a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ata o lugar desprazábase persoal voluntario de Protección Civil de Vilaboa e de Soutomaior. Segundo o concelleiro de Seguridade de Soutomaior, Fernando Crespo, o home sufriu feridas na cavidade torácica e no cranio.
Inicialmente a árbore que caeu sobre o home foi retirado por un tractor co que se traballaba na leira e xa neses momentos presentaba escasos síntomas vitais polo forte impacto, segundo testemuñas presenciais. A zona onde se atopaba traballando a vítima era tamén de difícil acceso. Os efectivos de emerxencias de Protección Civil e do 061 realizaron un operativo conxunto para que a ambulancia puidese achegarse ata o punto no que se atopaba a persoa ferida.
Os técnicos encargados dos servizos sanitarios do 061 practicáronlle técnicas de reactivación cardiopulmonar e, a continuación, o home foi trasladado de inmediato ao Hospital Montecelo, onde finalmente falecía como consecuencia dos múltiples traumatismos de gravidade ocasionados pola árbore.