A partir deste sábado e durante toda a Semana Santa amplíase o horario de retirada de veladores
Por Redacción
A hostalería de Galicia queda este sábado sen restricións pola pandemia pola Covid-19, máis aló do uso obrigatorio de momento de máscara en interiores cando non se consome, ao decaer sábado a limitación de comensais por mesa.
Pero ademais, desde este 9 de abril e ata a xornada do domingo 17 deste mes, ambos inclusive, os establecementos de Pontevedra contarán con media hora máis de permanencia dos veladores na vía pública.
A asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental presentara no rexistro do Concello unha solicitude para ampliar o horario de retirada das mesas e cadeiras dos establecementos durante a Semana Santa deste ano.
O Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental aprobou esta resolución establecendo que o horario de retirada e peche dos veladores aumente en media hora, con ocasión e durante o período de festas da Semana Santa, de maneira que quede marcado para as 02.00 horas da madrugada.
Desde o Concello lembran que os veladores e os seus elementos, cadeiras e mesas, retiraranse ás horas indicadas podendo unicamente quedar almacenados no espazo público adxacente ao local durante o tempo que medie entre o horario de apertura do establecemento e o horario de inicio da actividade do velador disposto na ordenanza e, entre o horario de peche ampliado e o horario de peche do establecemento. En ningún caso eses elementos almacenados poderán xerar unha barreira que interfira na circulación, no tránsito peonil, nas condicións de accesibilidade e uso da vía ou do espazo público, nin nos percorridos de evacuación do local.
A resolución indica tamén que, ante a posible afluencia de persoas, deben cumprirse todas as medidas sanitarias establecidas pola Xunta de Galicia.