Plan de Tráfico en Combarro para garantir prazas para residentes na zona durante a Semana Santa
Por Redacción
O Concello de Poio establece un plan de tráfico específico para a zona de Combarro ante as visitas turísticas que se prevén durante a Semana Santa. Marga Caldas, concelleira de Seguridad Cidadá, explicaba este venres que se trata dunha intervención para garantir prazas de estacionamento para aquelas persoas que residen nas proximidades.
Están a acondicionarse durante estes días 20 prazas de nova creación nunha parcela situada nas proximidades á Avenida da Costa, preto da PO-308, a vía que cruza Poio unindo Pontevedra e Sanxenxo. A esta zona poderase acceder pola Costa de Abaixo. Este terreo quedará ao dispor da cidadanía de forma permanente. Poderá utilizarse en canto as condicións meteorolóxicas permitan que finalicen os traballos de acondicionamento, segundo informan desde o goberno local.
Outras 30 prazas para residentes crearanse a partir do próximo martes 12 de abril e ata que finalice a Semana Santa nas rúas Maceira e Baixada á Chousa.
O estacionamento será dun máximo de 24 horas. Con esta medida, o goberno de Poio quere que se garanta a rotación dos vehículos para que as prazas poidan ser aproveitadas por un maior número de usuarios. Non será necesaria tarxeta de residente, pero a Policía Local manterase atenta vixiando as matrículas dos turismos. As prazas para servizos manteranse nas dúas rúas.
Todas as persoas residentes en Combarro con automóbil rexistrado noutro lugar, ou que se atopen empadroadas noutra zona, estarán exentas de sanción sempre que acrediten con documentación, como facturas de servizos, que son residentes en Combarro.
Este plan de tráfico para os próximos días inclúe lugares para estacionamento temporal de autobuses, que poderán aparcar na zona próxima ao porto e en dous espazos da PO-308. A proposta busca garantir máis prazas para o aparcamento de turismos nas zonas próximas ao porto.
Nas inmediacións ao CEIP Chancelas só poderán estacionar turismos, coa idea de evitar posibles masificacións pola presenza de autocaravanas, segundo informa a concelleira responsable.
Marga Caldas explicou que as medidas só adóptanse durante a Semana Santa. Engadiu que o Concello se mantén á espera de que Portos de Galicia autorice o proxecto no Paseo das Redeiras, co traslado do parque infantil, para dotar con 25 prazas de aparcamento a esta zona.
Cando finalice a Semana Santa acondicionaranse tamén en Cela e en Pinela outras parcelas de aparcamento, á espera de que se tramiten todos os informes sectoriais.
Relacionadas:
-
Combarro terá cinco novos aparcamentos, tres deles reservados para residentes
Por Redacción |
-
"Cumprimento exemplar" da cidadanía do plan de tráfico de Combarro
Por Redacción |
-
Optimismo ante unhas previsións "moi boas" para o turismo en Semana Santa e "fantásticas" para o resto do ano
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O aloxamento turístico de Poio medra ata as 3.639 prazas
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para crear 80 aparcamentos para residentes en Combarro
Por Redacción |
-
Proposta para habilitar 80 prazas de aparcamento no Paseo das Redeiras para residentes no centro histórico de Combarro
Por Redacción |