Os clubes de Marín disporán dun novo campo de herba sintética
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou este mércores un convenio coa alcaldesa de Marín, María Ramallo e os presidentes da Comunidade de Montes de San Tomé e da Agrupación Deportiva San Tomé, Daniel Rosales e José Cidrás respectivamente. Ao abeiro deste acordo, a Deputación dotará de herba artificial o campo de San Tomé de Piñeiro, cun investimento de 675.992 euros, dos cales a Deputación de Pontevedra achegará o 75% (506.994 euros) e o Concello de Marín o 25% restante (168.998 euros).
No acto de sinatura do acordo, tanto Rafael Louzán como María Ramallo agradeceron a colaboración da Comunidade de Montes, que porá a disposición da Deputación os terreos necesarios para a obra.
Rafael Louzán fixo fincapé na necesidade de levar a cabo estes traballos, dada a "carencia de infraestruturas deportivas" que na actualidade presenta Marín.
O presidente da Deputación anunciou que, se todo vai segundo o previsto, os traballos estarán rematados para o inicio da vindeira tempada futbolística de 2014-2015.
OBRAS DE ASFALTADO
Tras a sinatura do convenio, Louzán e a rexedora marinense, visitaron tamén os traballos de asfaltado que a Deputación está a realizar en varias rúas do núcleo urbano de Marín.
Concretamente, estase actuando nas rúas Pitanxe, A Costiña, Laxe, Cerrajal, Souto e Fenteira. En todos os casos, maquinaria da Deputación está a dotar as rúas dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente e rego de adherencia. O orzamento destes traballos supera os 50.000 euros.