Recoñece que usa de xeito indebido a tarxeta do seu marido para aparcar en prazas para persoas con discapacidade preto do traballo
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra denunciou a pasada semana unha condutora que recoñeceu que usaba de forma indebida unha tarxeta de estacionamento para persoas de mobilidade reducida e que o facía de xeito habitual para acudir ao seu posto de traballo.
A denuncia formulouse o pasado venres 18 de marzo. Sobre ás 15.30 horas, unha patrulla da Policía Local de servizo na vixilancia do tráfico observou como unha condutora estacionaba nun espazo reservado para persoas con mobilidade reducida na praza de Barcelos e colocaba o cartón no coche e abandonaba a zona cara a rúa Benito Corbal.
Os axentes comproban a titularidade do cartón ao ver que a muller saíra soa do vehículo e estaba a nome dun home.
Os axentes agardaron pola condutora para a súa identificación, amosándose nerviosa e contraditoria, manifestando que o titular da tarxeta estaba nunha sesión de rehabilitación no Hospital Domínguez, e que tiña intención de ir na súa busca.
Logo de varias explicacións sobre o uso da tarxeta, a condutora mudou de versións e argumentos varias veces, ata que finalmente confirmou que traballaba do lugar e que, a miúdo, estacionaba no lugar facendo un uso irregular da tarxeta.
Segundo a información da Policía Local, recoñeceu tamén que o titular da mesma, o seu marido, estaba na casa.
Os axentes procederon coa tramitación da denuncia administrativa correspondente por un estacionamento irregular e á intervención da tarxeta.