Licitada unha nova fase do parque infantil de Figueirido
Por Redacción
Unha vez rematada a primeira fase do parque infantil de Figueirido, consistente no acondicionamento do terreo, o Concello de Vilaboa licitou a segunda, que permitirá a dotación de mobiliario e elementos de xogo nunha parcela de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel de Fontequente, en Canaval, no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade.
Esta superficie é unha concesión administrativa do ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos no que deseñou unha gran área de esparcemento social con espazos adaptados a todas as idades e que se irá acometendo por fases.
Na segunda fase instalarase un xogo infantil para nenos de 2 a 6 anos, composto por casiña con torre e pasarela; outro para nenos de 1 a 4 anos, cun muro activo; un bambán de dous asentos metálicos e outro con cesta. Esta área contará tamén cun xogo infantil de rede tridimensional piramidal e un xogo de exercicio mediante barras paralelas, ademáis de varias papeleiras.
A primeira fase, xa rematada, incluíu o acondicionamento do terreo mediante estendido e perfilado de terras e creación de dunas artificiais e áreas de xogos, previa demolición do peche de finca existente, con pequenos muretes de contención de perpiaño de granito que farán as veces de asentos. A primeira actuación inclueu o deseño do sendeiro interior do parque formado por unha base granular de zahorra e pavimento continuo de formigón, así como a plantación de 8 fresnos comúns e 8 carballos. A actuación global supera os 60.000 euros de investimento.
Para César Poza, alcalde de Vilaboa, trátase "dun proxecto importante e moi ambicioso" que reflicte que no Goberno Local "apostamos por levar a todas as parroquias prestacións similares e que os rapaces e rapazas dispoñan no seu entorno de espazos de calidade porque eso axuda tamén a fixar poboación".
Relacionadas:
-
O goberno de César Poza proxecta a reforma dos parques do Canaval e de Riomaior
Por Redacción |
-
Vilaboa estrea a súa primeira tirolesa no Parque do Canaval
Por Redacción |
-
O goberno local de Vilaboa presume de boa saúde económica polo remanente de 2,8 millóns de euros
Por Redacción |
-
Destinan máis de 250.000 euros á mellora da seguridade viaria en Pazos
Por Redacción |
-
Vilaboa saca a licitación lotes de obras por máis de 900.000 euros
Por Redacción |
-
Unha parcela sobre o falso túnel de Canaval dotará a Figueirido dun novo parque infantil
Por Redacción |