O Fermín Bouza Brey será a referencia da FP na comarca de Arousa
Por Redacción
Máis de 400 estudantes en once ciclos diferentes. Esa será a ampla oferta educativa que Educación xuntará no futuro centro integrado de Formación Profesional de Vilagarcía, que terá a súa sede no actual instituto Fermín Bouza Brey.
Para acoller todas as titulacións, a Xunta de Galicia destinará dous millóns de euros para ampliar o centro cun novo edificio para talleres e renovará todos os inmobles xa existentes.
A programación de FP que ofertará o novo centro a partir do próximo curso, destacan desde o goberno galego, estará vinculada aos sectores socioeconómicos da zona.
Así, todos os ciclos, catro deles de nova creación, estarán enfocados aos sectores industrial, alimentario, transporte, comercial, socio-sanitario e deportivo.
O futuro CIFP Fermín Bouza Brey acollerá os ciclos de comercio e marketing que se imparten no IES Armando Cotarelo Valledor, os de sanidade que están no IES Castro Alobre e os de actividades físicas e deportivas, actualmente no IES Miguel Ángel González Estévez.
Son, en concreto, os ciclos de servizos comerciais, actividades comerciais, comercio internacional, xestión de vendas e espazos comerciais, marketing e publicidade, coidados auxiliares de enfermaría e acondicionamento físico .
A eles sumaranse os novos ciclos de industrias alimentarias, de elaboración de produtos alimentarios, de atención a persoas en dependencia e de transporte e loxística.
O ALUMNADO DE ESO E BACHERELATO MÚDASE AO ARMANDO COTARELO VALLEDOR
Pola súa banda, os 280 alumnos que actualmente cursan ESO e Bacharelato no instituto Fermín Bouza Brey serán trasladados ao instituto Armando Cotarelo Valledor, que seguirá gozando dos programas educativos así como do servizo de transporte escolar gratuíto.
Ademais, reforzarase as ensinanzas de informática e comunicacións no IES Armando Cotarelo Valledor, coa oferta de tres novos ciclos de desenvolvemento de aplicacións informáticas web e multiplataforma, para dar resposta á crecente demanda de profesionais deste sector.