Asalto a catro coches do mesmo garaxe nunha noite: rompen as lúas e "total, para non levar nada"
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ba0/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6228cc37dc-garaxe-cidade-de-pedra-01.jpg)
© PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6b6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6228dca0d5-whatsapp-image-2022-03-09-at-4.54.22-pm.jpeg)
© PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/47d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6228e58cd0-coche-danos-01.jpg)
© PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/35d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6228e5b3bd-coche-02.jpg)
© PontevedraViva
Catro veciños da urbanización de Cidade de Pedra levaron un bo susto na mañá deste martes. Ao chegar aos seus garaxes para recoller o coche, atopáronse con que alguén fracturara os cristais dos vehículos e causara danos no interior para roubar, aínda que en dous deles non levaron nada e nos outros dous, un botín moi pequeno.
Ocorreu nalgún momento entre última hora da tarde do luns 7 e primeira hora da mañá do martes 8 de marzo en vehículos aparcados na segunda planta do garaxe da Cidade de Pedra.
Tres destes veciños presentaron denuncia ante a Comisaría Provincial da Policía Nacional mentres que unha cuarta relatou a PontevedraViva que non presentou denuncia porque o seu é un coche de empresa, non lle roubaron nada e o seguro xa se encargou de reparar os danos causados.
Esta veciña, que reside no edificio desde fai tan só uns meses, descubriu os danos do coche cando acudiu a recoller o vehículo para levar ao seu fillo ao colexio. O seu coche está pegado á parede e os ladróns romperan a lúa dianteira dereita da parte do turismo que estaba xunto á parede, pero ela achegouse polo lateral contrario.
"Ao achegarme, de súpeto, vin que a guanteira estaba aberta e unha chea de cousas espalladas e todo cheo de cristais. Nese momento, fixeime que a outra lúa estaba rota", relata. Xusto nese momento xa viu que chegaba outro veciño e díxolle que non era a primeira vez que sufrían danos similares nese garaxe.
Esta muller acabou levando ao seu fillo ao colexio en taxi e, ao regresar a casa, comprobou que había máis vehículos afectados. En total, segundo relataron varios veciños a este xornal, son catro, aínda que a Policía Nacional tan só recibiu tres denuncias.
Na Comisaría hai constancia de dous coches nos que os ladróns romperon o cristal dianteiro dereito e un terceiro no que fracturaron o da esquerda. Nos tres casos, tras romper o cristal, revolveron o interior e chegaron a causar algunha desfeita.
Dos tres propietarios que formalizaron a denuncia, un relatou que non lle levaron nada, a outro lle levaron o mando do garaxe e nun terceiro roubaron un chaquetón e 20 euros en moedas.
No caso da veciña que non denunciou, refire que "o fixeron para nada, total, para non levar nada". En concreto, botou en falta tan só unhas moedas, "non chegan nin a tres euros", pois mesmo tiña dentro unhas lentes de sol, pero non estaban a primeira ollada e non llas levaron.
Un dos veciños afectados referiu que o principal problema ocasionado polos ladróns foi que lles obrigaron a realizar denuncias e reparacións.
En polo menos un dos coches, os ladróns, ademais de romper a lúa, tentaron entrar pinzando a porta, pero "eran uns afeccionados", sinalan os afectados, e non o lograron. Si lle causaron danos na chapa e a goma.
Outra veciña chamou ao seguro e reparáronllo no propio garaxe. Esta veciña relata que, de feito, no seu caso, foi "desagradable" atoparse o coche revolto e danado, pero "moito peor" ter que enfrontarse a un veciño que, mentres lle repararon o coche, encarouse con ela ás escuras para recriminarlle que deixara entrar a "intrusos" no garaxe para as reparacións. Era, segundo relatou, unha furgoneta rotulada dunha empresa.