As obras obrigan a suspender a homenaxe anual aos fusilados o 12 de novembro
Por Redacción
A Concellaría de Cultura ven de anunciar a suspensión ata próximas datas dos xa tradicionais ofrenda e homenaxe que o Concello de Pontevedra fai cada ano aos dez homes fusilados o 12 de novembro de 1936, na rúa que hoxe leva este nome.
A reforma da rúa José Adrio Barreiro, que se está a executar e que rematará a mediados de decembro, obriga a suspender este acto, aínda que se retomará no tempo, unha vez que acaben estes traballos.
Os traballos que se executan nesta zona están pensados, tamén, para remarcar a memoria dos dez fusilados con dez árbores que se plantarán entre a rúa e pasarela, ademais da instalación dun elemento arquitectónico funerario cos nomes dos dez falecidos que "dignificará máis o espazo e a súa memoria".
Dende a Concellaría de Cultura destacan que aquel 12 de novembro "traduciuse na perda de moitos soños de prosperidade e liberdade, e deixou unha profunda sombra durante máis de 40 anos ao longo da vida política e social do noso país".
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, quere lembrar que "eles son un anaco dos centos de homes e mulleres que deixaron a vida na nosa cidade por defender a orde constitucional da República, e as aspiracións de autogoberno que asomaban nas mentes máis preclaras do país".
Trátase de Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz.