VÍDEO.- Gravan un grupo de ratas nadando no estanque do Parque de Pasarón
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Parque de Pasarón volve contar cuns 'veciños' que non caen excesivamente ben.
Trátase dun grupo de ratas que se deixou ver no estanque situado na praza, e que foi gravado en vídeo por un grupo de veciños.
Nese vídeo, enviado polos seus autores a PontevedraViva, pódese observar como os roedores campan ás súas anchas pola auga do estanque, sorprendendo o número de animais que se poden observar a primeira ollada.
A presenza de ratas neste parque, situado xunto á rúa Luís Otero e o Estadio Municipal de Pasarón, é unha queixa recorrente nos últimos anos por parte da veciñanza, un problema que nin as actuacións de limpeza levadas a cabo por Parques e Xardíns conseguiron erradicar.
O VENRES REALIZOUSE UNHA ACCIÓN DE DESRATIZACIÓN
Tras ter coñecemento desta situación, que aseguran se produce cada ano por estas datas e vese agravada pola existencia de comida que se tira ao estanque para alimentar aos patos, a Concellería de Desenvolvemento Sostible trasladou un aviso esta semana á empresa encargada de desratización.
Neste sentido, confirman desde o goberno local, a empresa procedeu a actuar no Parque de Pasarón este mesmo venres día 25, instalando trampas aos roedores.
Desde o Concello confían ademais en que o proxecto de remodelación integral de toda a praza, na que se prevé investir 400.000 euros, poida acabar con este problema de forma definitiva.