O Sergas reorganiza servizos e mantén a consulta especializada para nenos diabéticos
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés procedeu a reorganizar o funcionamento do servizo de Pediatría e confirma que se vai a continuar coa consulta especializada en diabetes infantil no Hospital Provincial que a asociación Anedia denunciou nas últimas horas que se suspendía.
A asociación tivo constancia do peche da consulta e de que o Sergas cancelaba as citas dos pacientes para a próxima semana, de modo que denunciou publicamente a situación, que afecta a 60 menores de 16 anos con diabetes. Ademais, pediu unha reunión coa Xerencia da área sanitaria.
Ese encontro celebrouse na mañá deste venres e os responsables sanitarios comunicaron á asociación esta reorganización.
A doutora que levaba a consulta logrou praza de interina no Hospital do Salnés, onde empeza o próximo 1 de marzo, de modo que nun principio a consulta quedaba sen especialista, pero esta reorganización permite que esta facultativa compatibilice a consulta no Hospital Provincial e tamén a súa nova praza no Hospital do Salnés.
"Procederon a reorganizar o servizo para que o contrato da persoa que levaba o servizo poida ser compatible coa atención tamén en Pontevedra", explican desde a asociación, de modo que "se vai a recuperar este servizo" e esta doutora, que ten formación específica e experiencia, atenderá nos dous centros, uns días en cada un.
Tras a reunión, o xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Jose Antonio Couceiro, confirmou aos medios de comunicación a continuidade "con certeza" da atención e consulta de pacientes pediátricos diabéticos na área sanitaria e que, de feito, forma parte de "unha das prestacións esenciais de pediatría".
O doutor Couceiro asegura que "o servizo de pediatría en ningún momento se plantea a interrupción da prestación da atención dos pacientes pediátricos diabéticos", aínda que familias con nenos neste servizo aseguran que se lles cancelaron as citas da próxima semana e confirmóuselle o peche da consulta. Agora xa lles confirmaron que esas citas retomaranse.
A alerta de Anedia sobre o peche da consulta causou gran preocupación entre as familias con nenos con diabetes e a asociación trasladoulla este venres á Xerencia na citada reunión.
O encontro tamén serviu para falar da necesidade de que se incorpore ao equipo de atención a diabetes infantil unha segunda persoa "para que on existan estes problemas en caso de traslado, baixa ou vacacións", segundo indican desde Anedia.