O Concello de Pontevedra agarda que en novembro peche un acordo político sobre o canon da auga con Marín
Por Redacción
Os concellos de Marín e de Pontevedra levan varias semanas negociando o prezo do consumo da auga coa intención de chegar a un acordo este mes de novembro.
O concelleiro responsable de Facenda en Pontevedra, Raimundo González, confirmou que as conversacións se encontran moi avanzadas e que van por bo camiño: "as diferenzas son moi pouquiñas, moi pouquiñas," indicou.
Segundo explicou o concelleiro nacionalista: "O acordo político podería ser este mes, outra cousa sería a firma. Trataríase dun acordo no que estaría incluído tanto a regulación do consumo doméstico, industrial e a débeda que hai. Estaría contemplado todo". Segundo sinalou a través deste acordo, o Concello de Marín cobraría á Autoridade Portuaria e despois pagaría o Concello de Pontevedra. Unha situación que quedaría regulada porque, na actualidade, dende o municipio pontevedrés se lle está a reclamar o pagamento directamente ao Porto que, pola súa banda, está a pagar os recibos ao Concello de Marín.