Bueu solicita unha subvención para asfaltar dous camiños en Montemogos
Por Redacción
O Concello de Bueu vén de solicitar unha subvención á Agader, no marco do Plan de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023, co que se pavimentarán dous tramos de camiño no lugar de Montemogos, na parroquia de Beluso, nunha actuación valorada en 58.500 euros.
Esta obra enmárcase nunha liña de axudas á que o Concello ten acceso anualmente e o que se pretende é mellorar un vial que se atopa sen pavimentar, sendo esta a súa primeira vez. Así, isto vai permitir unir o camiño de baixada e subida a Area de Bon e tamén o que vai dende a saída da praia en dirección a Lagos.
Tal e como apunta Félix Juncal, alcalde da vila e encargado da área de obras e servizos, “esta liña de subvencións do Plan Marco danse para actuacións que deben cumprir cunha serie de requisitos, como a existencia de fincas agrícolas, o que fai que debamos priorizar uns viais e non outros”.
Así, as obras de pavimentación incluirán dous tramos de 380 e de 190 metros respectivamente, que son moi utilizados pola veciñanza do lugar, e que permitirán mellorar o acceso ás vivendas.
Por outra banda, o rexedor e o arquitecto técnico municipal visitaron este martes as obras do Camiño Vello da Graña. Uns traballos que comezaron hai un mes e que “avanzan a bo ritmo e ocasionando as mínimas molestias á veciñanza, polo que é probable que poidamos rematar a mediados de marzo, tal e como previamos”.
Xa se instalou a nova tubería de abastecemento e tamén as de pluviais no primeiro tramo do camiño, quedando pendente a parte alta, onde as cunetas se substituirán por tubos pechados para mellorar o ancho do vial en zonas estreitas. Nos próximos días, o alcalde poñerase en contacto con FCC Aqualia, empresa encargada do servizo de abastecemento e saneamento de augas, para que proceda á renovación das acometidas da tubería antiga á nova, para que quede todo perfectamente previsto antes de proceder coa última fase, que inclúe o asfaltado integral do camiño.
Esta actuación conta cun orzamento total de 85.600 euros e finánciase con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Segundo apunta Juncal, “vai supoñer unha mellora importante para a veciñanza do lugar e poderemos resolver moitos problemas que se viñeron detectando nos últimos anos”.
Así mesmo, vaise estudar a posibilidade de aproveitar a auga dese manancial para habilitar unha fonte pública, para o que previamente se realizará unha analítica co obxectivo de comprobar que as augas cumpren coas condicións sanitarias.
A continuación, o goberno local aproveitará para reparar o vial que se atopa un pouco máis abaixo e que se coñece co nome de “Canexa do Rei”, no que tamén se corrixirá a problemática das augas existentes e se reparará a capa de rodadura.