![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0knKLynJz1WyrgUA_/534c758e6207a-national-geographic.jpg)
© National Geographic
As Rías Baixas, ameazadas polo quecemento global
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Non o veremos nós, nin os nosos fillos, nin os fillos dos nosos fillos. Pero de non aplicar medidas correctoras a nivel mundial, o futuro das Rías Baixas corre perigo. Así o recolle un estudo presentado por National Geographic sobre o quecemento global e o desxeo dos polos. Asegura que o aumento do nivel do mar tragará centos de poboacións en todo o mundo, entre elas todas as cidades e pobos das rías pontevedresas.
O estudo marca un horizonte temporal demasiado amplo. Os científicos sinalan que, de seguir o ritmo actual, todo o xeo dos polos estará totalmente derretido nuns 5.000 anos. Esta situación provocará que a temperatura media do planeta ascenda a case 27 graos, fronte aos 15 actuais, e que o nivel de mares e océanos creza ata borrar do mapa cidades como Barcelona, Londres, Ámsterdam, Lisboa ou Roma, como se recolle nun mapa interactivo.
Iso só en Europa, porque no resto do mundo a situación non sería mellor. En Estados Unidos desaparecerán Nova York (que dentro de dous séculos podería estar xa infestada de canles) e Miami, entre outras, mentres que na auga ocuparía Bos Aires, A Habana ou Sao Paulo. Ese mesmo destino correrán Tokio, Shanghai, O Cairo, Calcuta... e así poderiamos seguir case ata o infinito.
Este traballo de National Geographic trata de concienciar sobre os efectos do quecemento global. Sitúase no peor panorama posible, mostrando o que irá sucedendo paulatinamente se non se adoptan as medidas necesarias para frear esta deterioración do planeta. Todo un aviso a gobernantes para que freen a escalada das emisións contaminantes.
Quizá 5.000 anos sexa un prazo demasiado longo para espertar conciencias, recoñece a publicación, pero o estudo insiste en que os efectos pódense ir notando de forma progresiva. En total, preto de 170 millóns de persoas que viven en cidades costeiras sufrirán xa, segundo os científicos e colectivos ecoloxistas, fortes inundacións cara ao ano 2070.