Vilaboa celebra o seu patrón San Martiño con diversos actos festivos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O vindeiro luns 11 de novembro celébrase en moitos concellos de Galicia a festividade de San Martiño, e en Vilaboa no vai ser menos, tendo en conta que este é o patrón do concello e que ese é un día festivo na localidade.
Desde hai anos, celébrase un tradicional magosto popular na parroquia de Vilaboa. ÿ tradición que esta festividade sexa organizada por unha comisión de festas pero este ano ao non haber constituída ningunha comisión, a organización de dito magosto corre a conta do Concello, concretamente da Concellería de Cultura, a cal tivo que suplir a falta de iniciativa voluntaria para que non se deixase de celebrar este magosto popular.
"O día de San Martiño é un día festivo no noso concello e xa é unha tradición a celebración do magosto popular, polo que consideramos que non se pode deixar de celebrar dito acontecemento e por iso o concello organiza o magosto, para non deixar perder as nosas tradicións populares", di o concelleiro de Cultura e Mocidade de Vilaboa, Tomás Boullosa.
"Desde aquí tamén queremos agradecer a colaboración da Comunidade de Montes de Vilaboa para poder levar a cabo esta actividade", declarou Boullosa.
Como ven sendo tradición celebrarase o magosto popular a partir das 18:00 horas no recinto de festas do Toural, e como moi ben reflexa o refraneiro galego, as castañas irán acompañadas pola proba do viño novo. O día de san Martiño é o intre exacto de probar o viño, non antes nin máis tarde. "No calendario tradicional é o momento en que comeza o inverno e o corpo agradece unha bebida que o quente un pouco, e que mellor maneira que acompañado dunhas boas castañas e amenizado cunha boa música e compañía", declarou Tomás Boullosa.
Haberá carpa e bar e os asistentes poderán contar coa actuación da Banda de Gaitas da Asociación Cultural de Cobres, Grupo de baile de nenos de Vilaboa e a charanga Airiños da Fracha.
"Queremos convidar a todos os veciños de Vilaboa, grandes e pequenos, a desfrutar dun día en familia e en veciñanza, celebrando a festividade do noso patrón. E tamén convidar a todos os habitantes dos concellos veciños a que veñan a celebrar conosco este día. Como moi ben di o noso refraneiro galego, Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño", afirmou Boullosa.