Esquerda Unida de Vilagarcía renuncia ás súas invitacións para espectáculos culturais porque se reparten de forma "caciquil"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O grupo municipal de Esquerda Unida en Vilagarcía denuncia a "utilización irregular" das entradas reservadas para o Concello das actividades culturais de pago que se celebran no municipio e, para manifestar a súa disconformidade, decidiu renunciar a usar as reservas que correspondan aos seus concelleiros e repartilas a través da web e do facebook.
Segundo anunciou este xoves nun comunicado, Esquerda Unida decidiu solicitar ao goberno local que remita todas as invitacións que correspondan ao seu grupo municipal para os actos culturais de pago programados e "a partir dese momento o noso grupo non utilizará nunca estas invitacións, que serán postas a disposición a través da páxina web do grupo municipal , e do facebook do grupo, para que poidan ser utilizadas polas persoas que non poidan permitirse o gasto dada a precaria situación das economías familiares".
Con este xesto queren chamar a atención sobre a política cultural municipal, da que consideran que está "vetada para as economías máis modestas", e esixen a creación dun bono cultural que permita as familias con menos recursos do concello o acceso aos espectáculos de pago, de xeito gratuíto ou da forma máis económica posible.
O grupo que lidera Juan Fajardo denuncia unha "utilización absolutamente caciquil" destas invitacións e asegura que o grupo de goberno "soe esixir un número elevado destas aos grupos e colectivos, para logo facer clientelismo e amiguismo".
O caso máis recente é o do espectáculo de Cantajuegos previsto para esta fin de semana, que ten un elevado custe para as familias, sen que existan posibilidades de bonificación. Din que o grupo de goberno está regalando aos seus achegados estas invitacións, cando centos de familias non poderán acudir polo elevado custe e denuncia que neste caso non foron facilitadas a ningún grupo da oposición.