Vilaboa estrea unha páxina web que facilita os trámites á veciñanza

Por Redacción
O Concello de Vilaboa estrea web. Cun deseño actual, sinxelo, áxil e moi intuitivo www.vilaboa.gal é un portal accesible, adaptado a dispositivos móbiles, multiplataforma e bilingüe, en galego e castelán. O seu obxectivo é facilitar á veciñanza de Vilaboa o acceso aos trámites institucionais que precisen realizar e á información que xenere o Concello.
A renovada web arranca cun banner dinámico con imaxes variadas do potencial turístico de Vilaboa e ofrece un menú superior con buscador e selector de idioma. Desde a páxina principal o usuario accede ao menú principal e a diferentes bloques ou sección destacadas como o de atención veciñal.
No apartado de Goberno a veciñanza pode acceder ás actas dos plenos, aos bandos municipais, aos regulamentos e ao PXOM así como ao apartado de transparencia; o apartado de Servizos Municipais vai desglosando as diferentes áreas con opción a contactar co departamento municipal ou acceder á información desexada.
A web www.vilaboa.gal presta unha atención especial aos trámites administrativos, deseñada de xeito que facilita esta tarefa aos usuarios tanto co rexistro electrónico de facturas como coa posibilidade de acceder a impresos para modificación do padrón, presentar escritos por Rexistro, modelos de solicitudes ou cuestións vencelladas co urbanismo.
Unha atención especial adica ao apartado do Turismo, con información detallada do patrimonio, a distribución xeográfica do municipio, o patrimonio etnográfico e natural, o entroido de Cobres, o Camiño de Santiago, a gastronomía, as festas, lugares de interese e unha ampla galería de imaxes.
A nova web inclúe tamén un apartado para compartir a actualidade informativa do Concello de Vilaboa e a opción de acceder ás redes sociais municipais.