A Avenida Barreiro Cabanelas cambia o asfalto por pedra para maior "harmonía"
Por Redacción
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comprobou este venres os traballos de embelecemento levados a cabo na Avenida Barreiro Cabanelas, da Lama, que contaron cunha axuda do goberno galego de case 30.000 euros ao abeiro da orde de subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes.
A Xunta financiou o ano pasado con esta liña de axudas ata 122 actuacións en municipios galegos co obxectivo de consolidar a oferta turística das zonas rurais e esta semana publicou a nova convocatoria, dotada cun orzamento de 1 millón de euros, que se enmarca no Plan Camiña co que a Administración autonómica mantén o seu compromiso na reactivación do turismo galego.
Entre as melloras levadas a cabo na Avenida Barreiro Cabanelas da Lama destaca a substitución do pavimento de asfalto por pedra para acadar unha maior harmonía e coherencia coas construcións da arquitectura tradicional do núcleo de Laxedo, protexido polo seu valor patrimonial coa denominación de conxunto tradicional ademais de contar con bens declarados de interese cultural (BIC) como o cruceiro e o peto de ánimas.
Alfonso Rueda animou aos concellos a presentar as súas solicitudes para atraer a visitantes neste Ano Santo ofrecéndolles a mellor imaxe de Galicia como un destino seguro, de calidade e sostible.