Un café con gotas... de solidariedade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A idea é sinxela: o cliente dun bar paga o seu café que non consumiu para que poida tomalo máis tarde outra persoa sen recursos. Un xesto solidario e xeneroso low cost e ao alcance de case todos os petos. ÿ a iniciativa Cafés Pendentes e xa está a disposición de todos os pontevedreses a través de, polo menos, dous establecementos: a cafetería 'Quiosco' da praza da Liberdade e a pastelería Antoxo da rúa A Estrada.
Para a persoa que deixa o café pendente non supón máis nada que un xesto, "de paso que pagas el tuyo, dejas otro y no sueles notarlo en el bolsillo", pero para o seu consumidor final pode ser a diferenza entre tomar unha consumición quente ese día ou non. Os clientes do 'Quiosco' déronse conta da importancia deseguido e, segundo un dos seus responsables, ÿscar Iván Guitiérrez, "es rara la semana en la que no te dejan varios cafés pendientes".
El ou calquera dos seus compañeiros cóbrao e inmediatamente pasa a rexistralo nunha lousa situada detrás da barra. Baixo a inscrición 'Cafés Pendentes' vanse anotando barras con cada un dos que os clientes deixan pagados e, en canto o consume alguén, táchase.
Esta cafetería da praza da Liberdade foi a primeira en Pontevedra en dar o paso, hai xa varios meses, e tivo tan boa acollida por parte dos seus clientes que é habitual que haxa anotados na lousa máis dunha decena de cafés pendentes á espera de que os reclame persoas con escasos recursos.
Esta idea, xurdida en Nápoles (Italia) no ano 2008 e en marcha en España desde hai máis dun ano, está baseada na confianza, pois a persoa que paga o café non coñece habitualmente a quen se vai a beneficiar do seu xesto solidario: pagas o café e fíaste de que a persoa que o consumirá realmente acode a esta iniciativa porque non ten os recursos suficientes para unha consumición que para a maior parte dos pontevedreses non supón ningún dano á economía familiar.
Entre os clientes do 'Quiosco' hai tamén quen decidiu darlle outra variante: deixar o café pago e enviar máis tarde a unha persoa con dificultades económicas á que atopa na rúa. "No es raro que venga un aparcacoches de los que está por la zona y te diga: ponme un café pendiente, que me dijo un conductor que lo dejó aquí pagado", explica ÿscar Iván Gutiérrez. "Alguno vino diciendo si no era posible tomar otra cosa pendiente, un bocadillo o así, pero de momento, no". Co tempo verase como responden os clientes.
Este xesto, o orixinal 'Caffe Sospeso' italiano, deuse a coñecer a través das redes sociais, pero no caso desta cafetería pontevedresa funciona moito ao boca a boca. "Hay muchos que vienen por primera vez, ven la pizarra, te preguntan y lo pagan, pero, sobre todo hay clientes habituales", relatan.
De feito, foi unha clienta habitual a que lles deu a idea de sumarse a unha iniciativa que se estendeu por centos de restaurantes en toda España e que, naquel momento, non había en ningún de Pontevedra. "Es una chica que vino de Madrid, profesora de una academia de aquí al lado, nos contó de qué iba y ya nos sumamos". Foi tamén a súa primeira 'benefactora' e agora unha habitual.
Tanto el como Miguel Hipólito Rises recordan perfectamente a esta primeira clienta, Vicki, pero tamén a outros que, co seu xesto, permitiron que a iniciativa teña tan boa acollida. A segunda en dicirlles 'cóbrame un café pendente' foi unha moza australiana que chegou de vacacións e agora instalouse en Pontevedra. Grazas a elas, adoita ser habitual que cheguen demandantes destes cafés xa pagos. "Suelen venir por las noches", toman o café, resgárdanse un intre do frío e vanse. Coa chegada do mal tempo, aumentan os que precisan desta cadea de consumións solidarias.