As goteiras no Pavillón Multiusos de Marcón obrigan a suspender adestramentos e partidos
Por Redacción
O pavillón multiusos Monte Carrasco de Marcón encóntrase impracticable. As últimas chuvias provocaron que se filtre auga por diferentes zonas da cuberta do recinto que remata inundando zonas da pista deportiva. Por este motivo durante os últimos días, os diferentes equipos desta parroquia que empregan o centro para adestrar tiveron que suspender as súas actividades debido ás malas condicións que presenta a instalación. Amador Cabaleiro, director deportivo do Marcón CF, sinalaba que "a estrutura do tellado quedou mal e cando chove moito entra auga por diferentes sitios. Cae directamente na pista de xogo e non se pode nin xogar nin adestrar alí e non se podo adestrar porque se esvara".
Amador sinala que eles non son os máis afectados porque utilizan o Pavillón dúas horas á semana. Non obstante, o equipo de fútbol sala feminino Marcón FSF que adestra todos os días da semana e utiliza o pavillón como espazo para as competicións é o principal prexudicado por este problema. O pasado sábado 2 de novembro víronse obrigadas a suspender o partido polo mal estado no que se encontraba a pista.
A directiva deste club púxose en contacto con responsables de Deportes do Concello para buscar unha solución a este problema que afecta cada vez que chove con forza. O concelleiro Agustín Fernández explicaba que o problema se debe a que se obstruíron as canalizacións que derivaron na filtración de auga. A teor das dimensións da cuberta, a concellaría ten previsto contratar unha grúa de gran tamaño para realizar a limpeza que, segundo o concelleiro, emendaría a caída de auga sobre a pista deportiva.