Un novo atropelo grave na Barca volve poñer sobre a mesa a necesidade de "melloras urxentes" na PO-308
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O atropelo no que na tarde-noite deste domingo resultou ferido un veciño de Poio de 79 anos volve poñer de actualidade a falta de seguridade vial na estrada PO-308 ao seu paso por este municipio.
A concelleira de Seguridade Cidadá de Poio, Marga Caldas, referiuse este luns á situación da seguridade na PO-308 nas zonas de San Salvador e Combarro insistindo en que en Poio hai dous puntos negros no que a seguridade vial se refire, na zona da Barca (parroquia de San Salvador) e na de Combarro, os dous na mesma estrada.
Marga Caldas lembrou que a Policía Local de Poio xa incluíu esta situación nas estatísticas sobre os accidentes de 2021 e é algo sobre o que xa se chamou a atención en anos anteriores. Estas dúas zonas da Barca e Combarro son os puntos da rede viaria de Poio con maior número de accidentes con feridos.
Constatada esta realidade, e ante este novo accidente grave na avenda da Barca, Caldas insiste na necesidade de "seguir incidindo en que se tomen medidas urxentes para mellorar a seguridade vial nestes zonas".
A administración responsable sería a Xunta de Galicia e desde o Goberno local de Poio sinalan que son conscientes de que concretamente na zona da Barca "a maior medida que pode tomar o goberno da Xunta sería humanizar toda esa zona", pero saben que o proceso non é inmediato, por iso é polo que piden que "namentres non se faga, sería moi importante tomar medidas redutoras do tráfico".
A concelleira de Seguridade Cidadá fala de sinalizar con iluminación os pasos de peóns e tomar medidas redutoras.