O Concello proxecta traballos de mellora na Travesía Valdemos, en Raxó
Por Redacción
A tenente de alcalde, a socialista Chelo Besada, anunciou que o Concello de Poio está a traballar na elaboración dun proxecto para desenvolver unha actuación de mellora na Travesía Valdemos, na parroquia de Raxó.
A responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais visitou a zona recentemente e explica que a intención é efectuar "o antes posible" os traballos para a renovación do pavimento, toda vez que o firme "atópase na actualidade nun estado de deterioro moi notorio", sinalou. Ademais, o proxecto tamén incluiría outras melloras, como a dotación de luminarias.
Esta rúa, duns 100 metros de extensión aproximadamente, é moi utilizada pola veciñanza, xa que conecta coa Avenida da Toxa, na PO-308, e conta cun pequeno parque infantil nas inmediacións.
Por outra banda, a tenente de alcalde, acompañada polo edil de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, está a pasar revista estes días ao estado no que se atopan diferentes obras que se están a acometer no municipio. Unha delas é a actuación para o reforzo da seguridade viaria e peonil en Monte Covelo, entre as parroquias de Samieira e Combarro.
Besada e Agís estiveron inspeccionando os traballos acompañados por responsables da firma adxudicataria das obras (Narom) e técnicos municipais. Os traballos entran xa na súa fase final, logo de que se renovase o pavimento e servizos básicos e se acometese a dotación dunha cuneta tendida, así como dunha senda peonil. A obra adáptase tamén aos accesos de vivendas e elementos de interese existentes na zona, como é o caso dun cruceiro situado no lugar.
Outro proxecto que tamén está a piques de culminar é o de renovación de servizos no lugar de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Neste caso, Chelo Besada lembrou que se procedeu á instalación dun sistema de bombeo para garantir unha mellor adaptación da prestación ás características que presenta esta zona. A empresa responsable desta actuación, EC Casas, está procedendo nestes días a finalizar a reposición do pavimento. O orzamento deste proxecto rolda os 80.000 euros aproximadamente, IVE engadido.