O goberno local de Poio sae ao paso "das mentiras do Partido Popular"
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio saíu ao paso da convocatoria dunha manifestación rodada feita polo PP e nun comunicado de prensa no que sinalan que "lonxe do panorama apocalíptico e a realidade paralela que o Partido Popular quere facer crer á cidadanía, o concello de Poio consolídase na actualidade como un dos concellos con mellores servizos, o que redunda na calidade de vida da veciñanza, cunha conxelación de taxas e impostos que se mantén consolidada desde o ano 2013".
O goberno local incide, ademais, no feito de que "os recibos mantéñense en liñas xerais na media da provincia de Pontevedra" e lamentan "a ansia do grupo da oposición en provocar un clima de tensión constante a base de querer mentir aos nosos veciños e veciñas".
Os dirixentes municipais cargan en concreto contra as afirmacións que realiza o PP sobre unha suba de impostos "que non é certa". Neste sentido, desde o goberno municipal recalcan que "é inaudito que o Partido Popular minta á veciñanza deste xeito, a sabendas de que a nosa política de conxelación de taxas mantense firme desde hai practicamente unha década".
Ademais, o Concello subliña que vén de impulsar un paquete de bonificacións nos recibos do IBI para familias numerosas, explotacións agrarias e gandeiras e para reformas en edificacións que aposten por enerxías renovables, así como no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e nas plusvalías. "Son reducións pioneiras na contorna e que non se atopan en ningún outro concello da comarca".
Neste sentido, ao goberno local parécelle "especialmente grave e deprimente" que o Partido Popular aproveite a actualización da ‘viñeta’ para aplicar as bonificacións para vehículos eléctricos e híbridos (bonificacións do 75 e 50%, respectivamente) para "enganar á veciñanza de Poio de xeito descarado".
"O PP aférrase a unha suba do 10% que afecta exclusivamente a turismos (quedando fóra motocicletas, camións, autobuses ou tractores) para vender unha imaxe catastrofista e apocalíptica, que non se sostén cando se comproba que Poio é un municipio en constante crecemento, totalmente consolidado por riba dos 17.000 habitantes e que leva consolidando unha tendencia no aumento da poboación desde que empezou o século".
Con respecto ao imposto en cuestión, o Concello lembra que máis do 90% dos turismos censados en Poio dispoñen de entre 8 e 15,99 Cabalos Fiscais. As contías son 15,8 no caso de menos de 8 CF (+1,4 euros anuais), 41,8 nos de menos de 12 (+3,8 euros) 88 nos de 15,99 (+8 euros). Estas cantidades son "practicamente idénticas" as que, por exemplo, se aplican en concellos limítrofes ou próximos, como é o caso de Sanxenxo, Vilaboa ou Soutomaior, "que non dispoñen destas bonificacións para híbridos e eléctricos".
"Os veciños e veciñas de Marín ou Campo Lameiro pagan máis ‘viñeta’ que en Poio, onde o recibo tamén é inferior ao de Pontevedra ou Barro", aclara o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro.
"O Partido Popular xa nos ten afeitos a organizar mobilizacións de protesta baseándose en medias verdades, pero esta vez superouse", conclúe o Goberno local, que tamén afea á oposición "a súa insistencia en facer referencias catastróficas á débeda actual", que "está perfectamente controlada e, ademais de servir para mellorar servizos e impulsar investimentos, non afecta ao peto dos veciños e veciñas, como pretende facer crer o PP".
Relacionadas:
-
A Xustiza dá a razón ao PP sobre unha subida ilegal do IBI que o Concello de Poio nunca chegou a aplicar
Por Redacción |
-
O pleno de Poio aproba por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal do servizo de cemiterio
Por Oskar Viéitez |
-
Mobilización de coches en Poio convocada polo PP contra a política de impostos do Concello
Por Redacción |
-
O período medio de pago a provedores reduciuse a case a metade en Poio
Por Redacción |
-
O PP convoca unha manifestación con vehículos contra o goberno local de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio critica a subida da 'viñeta' para coches, motocicletas e furgonetas
Por Redacción | Creada e actualizada