A CIG maniféstase o domingo contra a reforma laboral porque acentúa a "eventualidade e a precariedade" no emprego
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Marcos Conde, secretario comarcal de CIG, e Diana Rodríguez, secretaria comarcal de CIG- Servizos, facían un chamamento este mércores á clase traballadora para que se manifeste este domingo 30 de xaneiro en contra da reforma laboral. Estas protesta forma parte das manifestacións organizadas pola central nacionalista en distintos puntos de Galicia durante esa xornada.
En Pontevedra, a marcha comezará ás 12.00 horas na praza da Ferrería e transcorrerá ata a Subdelegación do Goberno. Marcos Conde afirma que esta reforma laboral impulsada polo goberno a través do PSOE, Unidas-Podemos e co apoio da patronal, de CCOO e de UXT.
A CIG considera que esta reforma non supón a derrogación prometida polo goberno central e supón só unha "capa de pintura" para ocultar a precariedade e a temporalidade laboral. O secretario comarcal entende que os traballadores galegos quedarán "secuestrados" e non cambiará nada no seu día a día. Recoñece que o sindicato realiza asembleas en diversos centros de traballo e o persoal queda sorprendido ao entender que na proposta se pliegan ás esixencias da patronal e da Unión Europea.
"Os traballadores pasarán a ser man de obra escravizada"
Diana Rodríguez expoñía que a reforma é unha "fraude" ao manterse o establecido polo Partido Popular en 2012 coas mesmas facilidades para despedir, con 20 días por ano traballado e sen recuperar os 45 días por ano no caso de improcedencia no despedimento. Destaca a perda de prioridade dos convenios galegos e provinciais fronte aos estatais, coa consecuente perda de forza da CIG, que é o primeiro sindicato en canto a número de delegados e de afiliación, expuxo a scretaria comarcal de Servizos.
Marcos Conde insistiu en que seguirán modificándose horarios e con posibilidade de despedimentos sen necesidade de demostrar a baixada de facturación. "Isto é premeditado", afirmou, ao alegar que se asinaron convenios como os das empresas de traballo temporal, de empresas multiservicios, e dos centros especiais de emprego. "É gravísimo", indica o representante da CIG ao entender que se mantén a precariedade na subcontratación.
Tamén mostran a súa preocupación porque as empresas de traballo temporal (ETT) poden converter en indefinidos os contratos fixos descontinuos. Iso supoñerá que o traballador fixo descontinuo non poderá negarse a traballar cando sexan chamados pola ETT ao poder controlar esas contratacións. Se o traballador rexeita o traballo que propón a ETT sería unha baixa voluntaria, segundo expoñen os responsables da CIG. "Os traballadores pasarán a ser man de obra escravizada", conclúen.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A CIG mostra na rúa o seu malestar coa reforma laboral: "Perpetúa o peor de todos os recortes"
Por Diego Espiño |
-
Protesta da CIG contra os ERTEs no sector da automoción
Por Redacción |
-
A CIG mobilizarase polas rúas de Pontevedra en defensa do emprego na automoción
Por Redacción |
-
Protestas da CIG para evitar que a clase traballadora pague a saída da crise
Por Mónica Patxot & Redacción |