Avanzan os actos ao redor de o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia
Por María José Pita
O vindeiro 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Ao redor desta data, e por quinto ano consecutivo, o Concello de Pontevedra celebrará unha serie de actividades en colaboración co Portal da Ciencia Galega GCiencia.
O programa centrarase en dar a coñecer o que significa a ciencia vinculada ás mulleres dende unha perspectiva orientada a xente moza, manifestaba a concelleira de Cultura, Carmen Fouces na presentación dos actos. Pola súa banda, Begoña Márquez, xornalista en GCiencia, engadía a importancia de reivindicar e visibilizar o papel das mulleres científicas e de que as nenas e mozas poidan ter referentes que lles fagan interesarse polas denominadas disciplinas STEM, siglas que se refiren aos termos en inglés: ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas.
O 11 de febreiro ás 12:00 horas o alumnado do 2º ciclo da ESO e Bacharelato poderá asistir en grupos organizados polos seus colexios a un encontro e debate no Pazo da Cultura entre catro mulleres científicas que son ademáis divulgadoras a través das redes sociais, principalmente a través da popular canle de emisións en directo Twitch. Estas catro científicas galegas son Paula Otero, Carmela Cela, Andrea Muras e Alba Aguión. Este acto vai ser transmitido en directo a través das canles de Gciencia e outra de Twitch, aínda por determinar.
Esta celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia virá acompañada da convocatoria dun certame de relatos curtos destinado a escolares da ESO. As bases estarán colgadas proximamente na web do Concello de Pontevedra, pero Carmen Fouces xa adiantaba que o prazo máximo de entrega de textos será o 27 de xaneiro. Os premios estarán compostos por diferentes aparellos tecnolóxicos, como tablets, que se entregarán o 11 de febreiro durante a actividade no Pazo da Cultura.
O xurado estará presidido pola concelleira Carmen Fouces e composto polas científicas Paula Otero e Carmela Cela, a profesora de ciencia e tecnoloxía no instituto Valle Inclán Rocío Ledo e a xornalista de GCiencia Begoña Márquez.
Para solicitar información, participar no certame de relato curto ou acudir á actividade do Pazo da Cultura, a organización habilitou o correo electrónico: 11f.gciencia@gmail.com
As actividades para a visibilización da muller na ciencia completaranse cun roteiro pola cidade no que as persoas participantes coñecerán a achega de mulleres científicas cun vencello con Pontevedra, xa sexa por nacemento ou por ter residido. Aínda estanse a pechar os diferentes percorridos pero Begoña Márquez, desde a organización, xa adiantaba que unha destas mulleres referentes vai ser Concepción Arenal, quen residiu na rúa da Oliva durante 8 meses.
Ademais, tamén terán cabida científicas que hoxe en día desenvolven o seu labor investigador, como é o caso de tres pontevedresas que son acreedoras do Premio Wonenburger que outorga a a Xunta de Galicia en recoñecemento dos traballos pioneiros de científicas galegas relevantes na súa área de coñecemento.
Relacionadas:
-
Día da Muller e a Nena na Ciencia para denunciar que só o 30% do persoal investigador é muller
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Día da Muller e a Nena na Ciencia será festexado este venres cun encontro de divulgadoras científicas
Por Oskar Viéitez |
-
A pandemia centra e condiciona a celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia
Por Manu Otero |
-
Cinco científicas galegas de renome reivindicarán en Pontevedra un papel destacado da muller na ciencia
Por Redacción |