Ponte Caldelas gaña en accesibilidade
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas iniciou un proceso para mellorar a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida. Operarios municipais da brigada de mantemento e infraestruturas están procedendo a acondicionar as beirarrúas situadas ante os pasos de peóns da rúa da Ponte co fin de eliminar barreiras á hora de cruzar a calzada.
Os traballos consisten no rebaixe do peralte das beirarrúas co fin de facilitar a incorporación dunha cadeira de rodas ou un vehículo autopropulsado por unha persoa con problemas de mobilidade, para que poidan baixar e subir sen problema cando cumpra a cambiar de marxe do viario.
Estas accións enmárcanse dentro da aposta que o Concello de Ponte Caldelas está levando a cabo para mellorar o acceso dos peóns con dificultades de mobilidade a todos os recunchos da vila. Así, o centro urbano conta con zonas especialmente habilitadas para o acceso de persoas maiores e aquelas que teñen dificultades de mobilidade facilitando o desprazamento e o acceso aos principais lugares da localidade.
UN MUNICIPIO ACCESIBLE PARA TODOS
Os edificios públicos de titularidade municipal contan coas medidas adecuadas para facilitar o acceso universal, incluídos o centro cultural e a biblioteca, que dispón dun elevador mecánico para sortear a dificultade que puidesen ofrecer as escaleiras.
Ademais, o Concello de Ponte Caldelas ten reservadas unha decena de prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade, sobre todo en zonas próximas ao centro médico, instalacións deportivas de Chan da Barcia, Alameda e zonas céntricas. Ademais, as oficinas municipais dispensaron e manteñen en vigor uns 25 cartóns para estacionar nestas zonas reservadas.
Na contorna do río Verdugo, previuse a presenza de persoas con mobilidade reducida nas zonas de esparexemento como a contorna da área recreativa e praia fluvial da Calzada, polo que dispón de zonas reservadas para estacionar e ramplas para facer máis fácil a súa incorporación ás distintas zonas e infraestruturas existentes.