Unha campaña sensibilizará sobre os atropelos nas parroquias de Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía colaborará coa Agrupación de Tráfico da Garda Civil no desenvolvemento dunha campaña de sensibilización para evitar os atropelos. A campaña desenvolverase entre osmeses de novembro e decembro xa que coa redución de horas de luz aumentan as porcentaxes de atropelos.
A iniciativa, na que tamén colabora a Xunta de Galicia, está dirixida tanto a condutores como a peóns e consistirá na realización de sesións formativas e de concienciación en todas as parroquias do municipio que correrán a cargo de axentes da Policía Local.
O obxectivo da campaña 'Mira que che miren' é combinar as accións formativas a través de charlas a usuarios da vía, con accións preventivas, entre as que destaca tamén a labor de concienciación por parte dos axentes de Tráfico aos condutores e peóns das vías interurbanas e nas zonas rurais, e por parte da Policía Local nas vías urbanas.
No que respecta a Vilagarcía, a Policía Local está elaborando o calendario para a realización das actividades nos centros socioculturais das parroquias, actividades das que se irá informando unha vez que estean pechadas as datas.
Nas accións preventivas a pé de rúa, prestarase unha especial atención ás infraccións que poidan cometer os peóns e os condutores e que xeren riscos de atropelos, así como tamén a aquelas condutas pouco seguras dos peóns. Será unha campaña informativa, non sancionadora, polo que os axentes informarán aos peóns para que modifiquen os seus hábitos e reduzan os riscos de ser atropelados.
Para iso, durante a campaña repartiranse chalecos reflectores entre as persoas que acudan ás sesións. A idea é fomentar o uso desta prenda entre os peóns xa que se trata dun elemento de seguridade moi importante durante as horas do día nas que a luz e moi tenue e durante a noite xa que facilita a visibilidade da persoa por parte dos condutores. Levar o chaleco reflector fai que o condutor vexa antes ao peón e lle dea tempo a frear e reducir a velocidade.
A campaña coincide co cambio ao horario de inverno no que anoitece antes co que, moitos peóns que ata fai uns días realizaban os seus desprazamentos con luz natural, agora o farán a escuras. Este factor é clave no índice de atropelos, xa que segundo os datos facilitados pola DGT, nos meses de outono e inverno acumúlanse o 61% dos falecidos por atropelo en Galicia.