A ordenanza de inspección técnica de edificios entrará en vigor na primeira metade de 2014
Por Redacción
A Concellería de Urbanismo prevé que a ordenanza da Inspección Técnica das Edificacións (ITE) poida entrar en vigor na primeira metade de 2014. O edil responsable da área, Antón Louro, e a directiva do Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, encabezada por Pelayo Eyo, abordaron nunha reunión esta nova norma, que obrigará a revisar os edificios máis antigos de Pontevedra.
O Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos confirmou que as ordenanzas sobre ITE existentes noutras cidades galegas (ao igual que a ordenanza sobre o deber de conservación das fachadas vixente en Pontevedra) non están actualizadas.
Louro destacou a relevancia desta normativa, da que sinala que "a súa importancia para evitar accidentes ninguén discute". Ademais, indicou que pode mesmo ser rendible para as comunidades de veciños, prevendo as avarías e evitando problemas coas compañías de seguros.