Un camión de cascallos envorca na entrada á AP-9
Por Redacción
Un camión articulado co remolque cheo de cascallos envorcou este mércores na entrada á autoestrada AP-9 desde o nó do Parque de Bombeiros e xerou dificultades na circulación.
A Garda Civil de Tráfico recibiu aviso ás 13.22 horas dun sinistro que consistiu nunha saída de vía e posterior envorco da cabeza tractora do camión sobre o lateral esquerdo.
O camión saíuse da vía ao coller a curva de entrada á autoestrada en dirección a Santiago por motivos que se descoñecen e, ao perder o control, tirou a barreira de formigón que separa a autoestrada da leira contigua.
A cabeza tractora quedou tirada na leira contigua mentres o remolque cheo de cascallos quedou en pé ocupando a beiravía e parte dun carril de circulacióin. O condutor non resultou ferido.
A estrada non quedou cortada, pero si foi necesario que a Garda Civil de Tráfico regulase a circulación. Unha patrulla de axentes situouse á beira do camión e deu paso a través do carril dereito e a beiravía.
Outra dotación desprazouse ata a entrada á autoestrada para solicitar ao resto de vehículos que reducisen a velocidade para evitar incidentes. Segundo informou a Garda Civil, o sinistro resultou rechamante e xerou pequenas retencións. Outros condutores que circulaban pola zona queixáronse do mal cheiro que desprendía.