Declaran procedente o despedimento dun condutor de ambulancia que deu positivo en drogas
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera procedente o despedimento dun condutor de ambulancia que deu positivo nun control de drogas da Garda Civil.
O home, segundo consta na sentenza, estaba a conducir o vehículo co que prestaba servizo de transporte sanitario urxente cando foi detectado polos axentes.
Esta infracción supuxo a inmobilización da ambulancia durante tres cuartos de hora e que se lle impuxese unha multa de 1.000 euros e a perda de seis puntos do carné de conducir.
En primeira instancia, o xulgado do social número 3 de Pontevedra deu a razón ao traballador e, fronte ao despedimento por parte da súa empresa, que traballa para o 061, ordenaba á compañía para readmitilo ou a indemnizalo por liquidar a relación laboral.
Os maxistrados da Sala do Social do TSXG, con todo, entenden que o empregado rompeu a "boa fe contractual", pois o cargo que desempeñaba na compañía conlevaba "múltiples riscos e a esixencia de completas aptitudes durante a prestación de servizo".
O tribunal incide en que o posto de condutor de ambulancias obriga á "máxima dilixencia e atención" no servizo e considera que o traballador, ao consumir drogas antes de traballar, puxo "conscientemente " esas obrigacións "en risco".
A sentenza do alto tribunal galego subliña que o momento do consumo carece de importancia, pois advirte que non se trata dun proceso penal, no que si habería de valorarse cando se produciu ou a influencia que podería provocar na seguridade viaria.
Así, recalca que o feito de facelo e de que no seu organismo aínda houbese trazas que deron positivo nun control de estrada, "implica pola súa banda a asunción dun risco que creba a confianza da empresa e conduce a xustificar o seu despedimento".
O resultado positivo do consumo de drogas, segundo consta na sentenza, é "constitutivo, en por si, dunha falta moi grave", polo que o TSXG considera que a actuación da empresa resultou ser "plenamente axustada a dereito".
Esta resolución, con todo, non é firme e contra ela aínda cabe presentar recurso.