Etiqueta Negra volve "con forza" para mostrar o potencial de Galicia nos produtos gourmet

Por Alejandro Espiño
Máis dun cento de produtores, escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a calidade das súas propostas, participarán na nova edición da feira Etiqueta Negra, centrada no sector do gourmet galego, que se celebrará no Recinto Feiral os días 10, 11 e 12 de decembro.
Etiqueta Negra regresa tras un ano de parón obrigado pola covid-19 para amosar o potencial gastronómico de Galicia en produtos para os padais máis esixentes.
"É unha feira máis que consolidada", celebrou a concelleira de Promoción económica, Yoya Blanco, que actuou como mestra de cerimonias na presentación do evento, celebrada no gastromercado da praza de abastos de Pontevedra.
Na feira, os asistentes poderán atopar viños, licores, vermús, cervexas, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, conservas, cogumelos, legumes, salsas e aderezos ou pans e empanadas.
Moitos destes produtos poderán degustarse tanto na zona de catas como na viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada cada trinta minutos. Ademais, haberá una cafetería que xestionará o cociñeiro Iñaki Bretal.
A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o venres e o sábado de 11.00 a 21.00 horas e o domingo, ata as 20.00 horas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.
Na súa presentación, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que esta quinta edición de Etiqueta Negra volve "con forza", contribuíndo a situar á nosa cidade "tamén como referente gastronómico" e con cociñeiros de primeiro nivel.
Esta é a única feira destas características que se celebra en Galicia e unha das poucas que hai en todo o Estado español. "Temos que ir mudando o esquema mental, xa que non somos moitas veces conscientes do potencial que ten este país", asegurou o rexedor.
A deputada provincial Ana Laura Iglesias, pola súa banda, subliñou a aposta por Pontevedra como "capital gastronómica de toda España", porque, ao seu xeito de entender, "en ningún outro lugar se come e se bebe tan ben como nas Rías Baixas".
Etiqueta Negra buscará poñer en valor e consolidar a imaxe do sector da alimentación gourmet ante un público cada vez máis especializado e esixente, "que se informa para coñecer o que está a consumir e ao que lle gusta experimentar sabores e texturas novas", engadiu.
Xunto cos expositores privados, a feira tamén reservará un espazo para tetería da Deputación de Pontevedra, que volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro; ou para a escola de hostalería do Carlos Oroza.
Ao longo das tres xornadas da feira haberá exhibicións de cociña, catas comentadas ou un punto de encontro profesional no que se xuntarán os expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet ou restauradores como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios.
Relacionadas:
-
Máis de 5.000 asistentes confirman o éxito de Etiqueta Negra no seu regreso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Os sabores gourmet que revolucionan a gastronomía galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Tres días de encontro con Etiqueta Negra, o maior 'escaparate' do gourmet galego
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Este venres abre as súas portas a feira 'Etiqueta Negra' cun centenar de produtores para saborear Galicia
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
RADIO.- "Etiqueta Negra vai sorprender ata os padais máis esixentes"
Por Redacción |
-
Etiqueta Negra volverá a Pontevedra en decembro
Por Alejandro Espiño |