A Deputación recoñece o "talento, esforzo e compromiso" na V Gala da Xuventude
Por Redacción & Cristina Saiz
A escalinata exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este sábado da V Gala da Xuventude, na que se entregaron unha trintena de premios para apoiar o "talento, esforzo e compromiso" dunha nova xeración de pontevedreses.
"Mostra o grande futuro que ten esta provincia", defendeu na súa intervención a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Na gala, conducida por María Soliño e Mónica Salinero, entregáronse tamén os diplomas aos gañadores da segunda edición de 'Reacción polo clima', acción que promove a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais.
A xornada contou coa actuación musical da grovense Carolina Rubirosa Dúo e coa proxección de dous vídeos coa cantante e actriz pontevedresa Cora Velasco e co deseñador Gabriel Nogueras como protagonistas, animando á mocidade para seguir participando nestes premios.
"Non vos deteñades nunca!, que ninguén os convenza de non crer en vós mesmas, en vós mesmos!", defendeu Carmela Silva dirixíndose a uns mozos que "levades dous anos sinalados, nos que parece que todos os males do mundo saen ou teñen que ver con vós e non. Non é verdade. Non é certo. Hoxe demóstrase que aquelas persoas que vos miraban agraviadas estaban equivocadas. Porque esta gala é unha proba máis de que a mocidade, todas e todos vós, tendes aproveitado este tempo para formarvos, para ampliar os vosos coñecementos, e mesmo para sumarvos a causas sociais, axudando a persoas que teñen padecido con dureza as consecuencias da pandemia, sumándovos a proxectos de igualdade, de loita contra o cambio climático ou de preservación da contorna natural".
Na quinta edición dos Premios Provinciais á Xuventude presentáronse un total de 64 proxectos dos que 30 obtiveron recoñecemento.
Na categoría de Iniciativa Empresarial o primeiro premio foi para 'Cereal Jewels' de Nahir Maceira e Manuel Vila (Vigo), e o segundo para a compañía teatral 'A Cova das Letras' de Cristina Collazo Gómez (Silleda). Pola súa banda o terceiro premio compartírono as propostas 'Ponteabastos' de Jorge Celso Eyo (Pontevedra) e 'Somosterra' de Eva López e Raquel Gómez (Nigrán).
En Educación en Valores o xurado concedeu o primeiro premio a 'Sementes de Liberdade' do IES de Poio e 'Incómodxs e rebeldes' do IES As Barxas de Moaña. O segundo premio foi para 'Avoas. Avós con V de vida' do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño).
En Contido Dixital, na parte Audiovisual gañou 'Neeumátiko' de Nee Barros Fernández (Marín). O segundo premio foi para 'Orixe' de Roberto Pastoriza (Bueu) e o terceiro para 'Descifrando a historia – podcast' de David Gesteira Estévez (A Cañiza).
En Traballos Musicais o premio principal en Música Clásica levoullo 'Fínis Terrae' de Guillermo Otero Costas (Vigo), mentres que en Outros Xéneros impuxéronse ex-aequo as pezas 'Vals do esquecemento' de Santiago Guerra (Cangas) e 'Miss each other before we need' de Ainhoa Mosquera (Moaña). O terceiro foi para 'Breaking it up', de Héctor e Tomás Cardenal e Adriana Cores (Moaña).
En Traballo Literario Breve foi galardoado en Narrativa a obra 'A mirada paralela dun xirasol' de Pedro Rodríguez (Nigrán) con 'Día de praia' de Brais Suárez (Vigo) en segundo lugar. En Poesía, Diana Vilas Meis (O Grove) venceu con 'Mímese', sendo o segundo premio para 'Besta Salvaxe de terciopelo' de María Sarrapio Pol (Pontevedra).
Na categoría de Banda Deseñada o primeir premio foi para Ángel Carramal (Pontevedra) por 'SÓ (S)', o segundo para Sabela Domínguez (Marín) por 'Un día ajetreado' e o terceiro para Lucía Rodríguez (O Grove) por 'Onde estás?'.
En Fotografía Orixinal, na subcategoría de Serie Fotográfica, o premio principal foi para Claudia Gómez (Pontevedra) por 'Xeracións', con Regina Chamorro (Gondomar) en segundo lugar por 'Si la vida es circular, quiero girarla a caballo y en tiovivo', e David Outón (Sanxenxo) no terceiro por 'La música que compartimos'. Pola súa banda en Fotografía o primeiro premio foi para Lara Cores (Ribadumia) por 'Memoria en materia studiowork', sendo o terceiro premio para Cynthia Gómez (Pontevedra) por 'Dos verdades dos realidades'.
Por último en Deseño e Moda o primeiro premio foi para Natalia Belén (Vigo) polo traballo 'Haenyo', mentres que o segundo foi ex-aequo para para Sergio Vidal (Sanxenxo) con 'En flor', e Regina Chamorro (Gondomar) con 'Parsimonia', e o terceiro para Laura Barrós (Pontevedra) por 'Ame to tsuri'.
No que respecta ao concurso provincial Reacción polo Clima recolleu o primeiro premio Lara Cores (Pontevedra) por 'Adios ríos, adios fontes'. En segundo lugar quedaron Manuel Albariñas e Yago Rodríguez (Marín e Pontevedra) por 'Puro Aire', e o Colexio Marcote de Vigo foi terceiro co rap 'Antropoceno destrución'.