Un grupo de arqueólogos busca un posible pecio romano na illa de Cortegada
Por Redacción
Un grupo de arqueólogos comezou a procura dun posible pecio romano na illa de Cortegada tras os indicios aportados por distintos achádegos nesta zona ao longo das últimas catro décadas.
Trátase dun proxecto arqueolóxico desenvolvido pola empresa especializada Zeta, Arqueoloxía e Sistemas de Xestión Integral do Patrimonio, baixo a dirección de Cristóbal Nodar.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, promove esta prospección arqueolóxica subacuática. Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu ao comezo dos traballos que se van prolongar durante os vindeiros tres meses e que contan cun orzamento de máis de 15.000 euros.
Nos vindeiros días faranse inmersións na zona susceptible de acoller este pecio e varridos a través dun radar acuático.
As primeiras referencias á presenza dun posible pecio romano nas inmediacións da Illa de Cortegada datan dos anos 1982 e 1983 coa aparición dalgunhas ánforas. Cinco anos despois, a Xunta promoveu unha primeira prospección arqueolóxica subacuática na Illa de Cortegada dirixida por Javier Luaces que deu como resultado a localización de abondoso material cerámico, ánforas vinarias, cerámica común e tamén da variedade Terra Sigillata Gálica, así como laxes de pedra que encaixarían co lastre dunha embarcación.
Xa no ano 2007, outro traballo similar efectuado no Parque Nacional das Illas Atlánticas, encabezado por Miguel San Claudio, constatou a presenza en Punta Fradiño de elementos cerámicos de cronoloxía romana na enseada da zona norleste e tamén de fragmentos de tegulae, o que suxire, segundo este estudo, a presenza dun xacemento arqueolóxico terrestre que foi anegado pola suba do nivel do mar.
Agora, con esta nova prospección preténdense descubrir os elementos exactos que hai na Illa de Cortegada a través dun traballo que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pretende continuar ao longo dos próximos anos.
Relacionadas:
-
Certifican a existencia en Ons dun asentamento poboacional romano
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Pontevedra serve de escenario á historia de 'Stricta funis. En la cuerda floja', primeira novela de Perfecto Luís Souto
Por Redacción |
-
O achado dun ánfora africana reforza a importancia que tivo a illa de Cortegada durante a época romana
Por Redacción |