Compromiso por Galicia insta ao Concello de Pontevedra que asuma o copago farmacéutico para enfermos crónicos
Por Redacción
A Agrupación Local de Compromiso por Galicia en Pontevedra (CxG), acordou presentar unha moción na corporación municipal para que o Concello asuma o copago farmacéutico para persoas con enfermidades crónicas, unha das últimas decisións do PP, que "afecta e penaliza ás persoas enfermas e de menor poder adquisitivo, acabando coa necesaria solidariedade e equidade do sistema sanitario público".
A moción que presenta CxG tratará de que se constitúa un fondo económico de emerxencia no concello que cubra o custe dos medicamentos dos veciños afectados con enfermidades crónicas.
Ao fío disto, o secretario local da agrupación, Pablo Tortajada insistiu en que a medida proposta polo Partido Popular "non cumpre o obxectivo que di plantexar" pois supón un "escaso aforro público" que a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria cifra nun 0,1% a nivel estatal da factura do gasto.
Tortajada engadiu que se trata "de medicamentos que están suxeitos a estritas indicacións e graves patoloxías, o que fai absurda a súa implantación".
Dende CxG insisten en que a pesar das evidentes limitacións orzamentais dos concellos, "é necesario e prioritario dende a institución máis próxima a cidadanía, como son os concellos", que non permitan que os enfermos crónicos queden desasistidos do tratamento axeitado por cuestión económica e garantir o pago destes medicamentos.
Para Tortajada a moción proposta polos galeguistas é "moi necesaria porque a cidade acaba de marcar o seu récord de paro cunha taxa do 26,7%, superando xa os 10.000 desempregados". Di, ademais ser viable xa que o concello de Pontevedra, vai "saltar" o teito de gasto marcado por Mariano Rajoy e terá un orzamento de 65 millóns de euros.