Cambados recibe 110 cartas de apoio á súa candidatura a Capital Europea do Viño 2014
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 110 institucións, asociacións, entidades de distintos ámbitos representativos da sociedade galega asinaron cartas de apoio á candidatura de Cambados como Capital Europea do Viño 2014, designación que se vai decidir a mediados de novembro en Italia.
As cidades finalistas deste certame europeo son Cambados e Jerez de la Frontera, as cales presentaron senllos proxectos de actividades a desenvolver durante o periodo de un ano: o 2014. Nestes proxectos, o único que se vai ter en conta de cara a consecución do título, incluense os apoios das distintas entidades que respaldan a cada candidatura.
No caso de Cambados asina o seu apoio a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Axencia Galega de Turismo, entre outras institucións. Pero nesa ampla listaxe figuran tamén os concellos, o consello regulador da DO Rías Baixas, os negocios de hostalería da comarca, adegas da nosa denominación de orixe, asociacións do ámbito cultural e deportivo, xunto con entidades representativas da sociedade galega que se volcaron coa candidatura de Cambados ata sumar un total de 110 cartas respaldándoa.
Actualmente, os expedientes presentados están sendo avaliados polo comité técnico da Rede de Cidades Europeas do Viño (Recevín) e o resultado desta deliberación darase a coñecer a mediados de novembro na actual Capital Europea do Viño: Marsala (Italia).
O goberno municipal amosa o seu convencemento de que o proxecto cambadés conta co atractivo e potencial abondo como para merecer a distinción de Capital Europea do Viño. Dende o Concello estímase que se traballou con ilusión e fixose un bo traballo, que en todo caso o papel de Cambados nesta convocatoria vai ser digno e beneficioso a efectos de facerse presentes na esfera internacional.
O programa de actividades deseñado para concurrir a este certame é moi diverso e completo, enfocado á promoción do albariño da denominación Rías Baixas, así como a potenciar a cultura do viño e mailo enoturismo. O programa cambadés é solvente, ainda sen coñecer o da outra cidade finalista, que conta con recursos e capacidade para presentar un bo proxecto. Hai que ser conscientes de que Cambados enfróntase a un Concello con máis de 210.00 habitantes, cunha producción amplísima, e unha tradición vitivinícola moi longa.
Non entanto, o mero feito de presentarse a este certame supón entrar nun circuito promocional moi beneficioso para Cambados, para o noso viño e para a Festa do Albariño que aspira a obter o recoñecemento de interese turístico internacional. Cambados estase movendo e dándose a coñecer nos foros nacionais e internacionais, está accedendo aos foros máis importantes onde poden estar representadas as vilas e cidades vitivinícolas.
O feito de presentarse a este certame supón entrar nun circuito promocional moi beneficioso para Cambados
O obxectivo consiste en consolidar a Cambados como referente internacional no mundo vitivinícola e do enoturismo. A este respecto cómpre lembrar que en 2008 logrouse o premio Aurum, título que avala ó Capítulo Serenísimo do Albariño como a mellor confraría enogastronómica europea, así recoñecida no congreso de Ceuco celebrado en Trento (Italia).
Máis recentemente, o ministerio de Cultura aprobou un ambicioso proxecto cultural deseñado e coordinado polo Concello de Cambados, ao que se sumaron inicialmente Peñafiel, capital da denominación Ribera del Duero, e Haro, en representación da DO La Rioja, mediante o cal organizaranse concertos musicais de primeiro nivel, ademais de ciclos de cine, exhibicións gastronómicas e todo tipo de actividades infantís durante o verán de 2014.